O Concello celebra o 25 Aniversario do Conservatorio Municipal de Música con diversos actos culturais os meses de abril e xuño

Monforte de Lemos, 9 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este xoves en rolda de prensa as actividades programadas polo Concello para conmemorar o 25 aniversario do Conservatorio Profesional de Música ‘Mestre Ibáñez’ de Monforte. No acto, o rexedor estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o director do Conservatorio, Fernando Sanmartino.

O Alcalde repasou a historia deste centro educativo municipal, creado en 1999 nunha aposta do Concello de Monforte pola formación musical de calidade, que mantense a día de hoxe cunha ampla e variada oferta de estudos oficiais de música, en diversas especialidades. Na actualidade, o Conservatorio conta con 7 especialidades: Piano, Percusión, Clarinete, Saxofón, Violín, Vento metal e Guitarra, e cun equipo docente formado por 10 profesores e profesoras.

Tal e como detallou o Alcalde, este primeiro cuarto de século, pasaron polo Conservatorio 800 alumnos e alumnas que, xunto co alumnado da Escola Municipal de Música na que se imparten ensinanzas non regradas, suman en conxunto máis de 2.000 alumnos e alumnas formados nas instalacións educativas emprazadas no Edificio Multiusos ao longo destes 25 anos. Estes datos, apuntou, “son unha boa mostra do impacto e da relevancia deste proxecto educativo no noso municipio”. Así, mesmo, destacou que “moitos destes estudantes continuaron a súa traxectoria no ámbito profesional da música, especialmente na docencia”, mentres que os que non se dedicaron profesionalmente “levaron consigo unha formación que contribuíu de maneira moi positiva ao seu desenvolvemento integral”.

Co gallo deste aniversario, engadiu Tomé Roca, “queremos destacar o noso compromiso firme coa cultura e coa educación musical, e celebrar este aniversario tan significativo, porque será unha oportunidade para poñer en valor o traballo realizado durante todo este tempo polo Conservatorio e o seu corpo docente, e tamén para recoñecer o papel fundamental da música”.

 

Mesa redonda sobre música e saúde

Para celebrar este primeiro cuarto de século de historia, o Concello programou diversos actos culturais abertos ao público, que se desenvolverán durante os meses de abril e xuño.

O programa comezará mañá venres, 10 de abril, cunha mesa redonda titulada “A influencia da Música na saúde e na formación integral da persoa”, a cargo de investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC). Os poñentes abordarán desde un punto de vista científico a influencia e os beneficios da música e da ensinanza musical na saúde das persoas e na súa formación integral. Será na Casa da Cultura, ás 18.00 horas. As persoas interesadas que non poida acudir, terán a oportunidade de seguir as intervencións no canal de ‘youtube’  do Concello.

O Alcalde adiantou que esta mesa redonda tratará cuestións como o efecto da práctica musical no cerebro, ou o impacto da música en enfermidades como o Alzheimer, o trastorno autista ou o dano cerebral. Así mesmo, presentaranse tamén os avances dun proxecto de investigación biomédica pioneiro que demostra a conexión biolóxica entre a música e a natureza humana.

 

 

 

Concertos

O venres, 24 de abril, o Edificio Multiusos acollerá ás 19.00 horas un Concerto de Mestres, a cargo de varios membros do persoal docente do Conservatorio, que ofrecerán un repertorio con obras de diferentes estilos.

O programa continúa o xoves 30 de abril, cun concerto da ‘brass band’ Brassica Rapa, que terá lugar na Casa da Cultura, ás 20.00 horas. Trátase dun grupo musical de vento metal e percusión formado integramente por mulleres, cun repertorio fresco e variado que conxuga a música instrumental e vocal coa multipercusión, recollendo influencias do jazz, do pop e da música tradicional galega.

 

Acto central do 25 aniversario

Xa no mes de xuño, o día 6, ás 12.00 horas, a Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá a cerimonia central de conmemoración do 25 aniversario do Conservatorio, ao que asistirán membros da comunidade educativa do centro e representantes municipais.

Este acto contará coas actuacións de exalumnos e exalumnas do centro que na actualidade se dedican profesionalmente á música. Concretamente, o barítono Lucas López López e a violinista Aldara Otero Fernández, que estarán acompañados ao piano polo profesor Azazel Fernández Prado.

Nesta celebración, que porá o colofón aos actos programados con motivo da celebración do 25 aniversario, realizarase a entrega dun obsequio conmemorativo ao alumnado e a exalumnos e exalumnas presentes.

En definitiva, concluíu o Alcalde, “organizamos un amplo programa de actos á altura dunha conmemoración como o 25 aniversario do noso Conservatorio e que, estamos seguros, será do agrado da cidadanía”, convidando a todos os monfortinos e monfortinas a “asistir e desfrutar da música, porque a música é arte e tamén saúde”.