Monforte de Lemos, 15 de abril de 2026. A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, anunciaron este mércorse en rolda de prensa que Monforte será sede este sábado, 18 de abril, da Final do Campionato Galego Feminino de Voleibol na categoría de Cadete. A competición terá lugar no Pavillón Municipal de A Pinguela, con partidos desde as 10.00 horas e a gran final ás 18.30 h. Na presentación estiveron acompañados polo director de Competicións da Federación Galega de Voleibol, Mateo Fernández, e o director técnico do Club Voleibol Ribeira Sacra, Manolo Martínez, que acudiu acompañado pola responsable do equipo cadete, Yoraxi Meleán.
Gloria Prada lembrou que Monforte xa foi sede os días 28 e 29 de marzo, das Finais do Campionato Galego de Voleibol Xuvenil, nas modalidades masculina e feminina, cunha excelente acollida por parte da afección que, sen dúbida, repetirase neste novo evento xa que, indicou, “Monforte non só é unha referencia no voleibol de Galicia polos seus xogadores e xogadoras, tal e como o teñen demostrado ao longo das últimas décadas, senón tamén polo importante seguimento que este deporte ten a nivel de público”.
Nesta ocasión, a final enfronta aos dous equipos monfortinos –CV Ribeira Sacra e CD Korbis- e dous de A Coruña, concretamente, o Liceo La Paz e o Cidade A Coruña. O Campionato desenvolverase nun formato de catro partidos: dúas semifinais na xornada de mañá ás 10.00 e 12.00 horas; un partido para determinar o 3º e 4º posto, ás 16.30 horas, e a gran final ás 18.30 horas. O evento finalizará coa entrega de trofeos e medallas.
Gloria Prada animou aos monfortinos e monfortinas a asistir ao que será un “auténtico espectáculo deportivo”, no que se decidirá o equipo vencedor a nivel autonómico e tamén o acceso directo ao Campionato de España de Clubs, representando a Galicia no máis alto nivel nacional.
A Tenente Alcalde apuntou que para o Equipo de Goberno e o Concello de Monforte “é un pracer acoller esta competición, xa que “Monforte é unha referencia no voleibol e na formación de grandes deportistas”, e engadiu que, “sen dúbida, a nosa cidade é unha das mellores canteiras do voleibol, grazas, precisamente, a clubs pioneiros como o Ribeira Sacra”.
Neste senso, quixo deixar clara a aposta do Goberno local polo deporte base e por colaboracións como a que fai posible a celebración desta Final en Monforte, neste caso, coa Federación Galega de Voleibol: “Temos moi claro que o deporte base debe ser unha prioridade dentro das políticas en materia deportiva, e por iso estamos sempre abertos a colaboracións cos clubs e con eventos deportivos tanto no deporte base como no profesional”.
Pola súa banda, desde a Federación e o CV Ribeira Sacra agradeceron a “colaboración fundamental” do Concello de Monforte para que esta Final se celebre en instalacións de primeiro nivel, como é o Pavillón Polideportivo Municipal.
Xornadas, equipos participantes e horarios
O formato da competición e de catro partidos coa seguinte disposición e horarios:
10.00 h: Primeira Semifinal. CV Ribeira Sacra-Cidade A Coruña
12.00 h: Segunda Semifinal. Liceo La Paz-CD Korbis
16.30 h: Partido polo 3º e 4º posto.
18.30 h: Gran Final.