
Monforte de Lemos, 20 de abril de 2026. O Concello de Monforte organiza, a través da Concellería de Servizos Sociais, unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas inmigrantes. A actividade está dirixida a toda a cidadanía, especialmente ás persoas inmigrantes, e terá lugar o vindeiro mércores día 22 de abril, ás 12.00 horas, no salón de actos do Centro Cívico, no Paseo do Malecón s/n. A encargada de impartir a charla é Celia López Rodríguez, avogada do Programa Inclusión Social Inmigrantes.
Con esta actividade, o Concello de Monforte quere ofrecer información e asesoramento técnico especializado en relación co proceso de regularización extraordinaria previsto no Real Decreto 316/2026, de 14 de abril, polo que se modifica o Real Decreto 1155/2024, de 19 de novembro, polo que se aproba o Reglamento de la Ley Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, publicado no BOE do 14/04/2026.
Requisitos, procedementos e prazos relacionados coa regularización administrativa
O obxectivo desta sesión é ofrecer asesoramento técnico e información clara e actualizada sobre os requisitos, procedementos e prazos relacionados coa regularización administrativa, así como resolver dúbidas das persoas asistentes.
A charla será impartida por unha avogada especializada en materia de estranxeiría do Programa de acollida de persoas inmigrantes do Concello de Monforte de Lemos que se desenvolve desde o 1 de xaneiro de 2026, ao abeiro da Orde do 30 de xullo de 2025, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais para programas de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2025 a 2027, publicada no DOG do 19 de agosto de 2025.
Desde a Concellería de Servizos Sociais anímase a todas as persoas interesadas a asistir a esta iniciativa, que busca facilitar o acceso á información e contribuír á integración social e administrativa da poboación inmigrante no municipio.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos servizos sociais municipais.