
Monforte de Lemos, 24 de abril de 2026. O XXXIII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte de Lemos a través da súa Concellería de Cultura, celebrarase do 7 ao 19 de maio coa estrea de 6 pezas teatrais interpretadas polo alumnado. Como ven sendo habitual, todas as obras escenificaranse ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.
Os centros participantes nesta edición, son os CEIP A Gándara e Monforte, o Colexio P. Ferroviario e os IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey.
Este é un dos certames municipais máis lonxevos, con máis de tres décadas de historia desde que comezou a súa andadura en 1991. O seu obxectivo non é outro que desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.
O Concello colabora cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros, coa intención de incentivar aos centros a que continúen participando neste certame, xa que supón a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos currículos educativos, altamente valorada polos profesionais do ensino.
Os premios consisten na gravación en DVD das obras representadas, que serán entregadas aos centros inscritos, xunto cun diploma acreditativo da participación.
A entrega de premios realizarase no salón de actos da Casa da Cultura o 27 de maio, ás 18.00 horas.
Programa do XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte
- CEIP A Gándara, coa obra “Acabouse a guerra”, o xoves 7 de maio.
- IES Río Cabe, coa peza titulada “Esmoleiros”, o venres 8 de maio.
- IES A Pinguela, coa obra “A casa”, o luns 11 de maio.
- Colexio P. Ferroviario, representará “A gatipública”, o xoves 14 de maio.
- IES Daviña Rey, coa obra “O velorio”, o luns 18 de maio.
- CEIP Monforte, coa obra “Hoxe hai función”, pechando o ciclo o martes 19 de maio.