Monforte de Lemos, 24 de abril de 2026. O Edificio Multiusos acolle esta tarde, a partir das 19.00 horas, un Concerto de Mestres a cargo do persoal docente do Conservatorio Profesional de Música ‘Mestre Ibáñez’ de Monforte enmarcado no programa de actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 25 aniversario deste centro educativo.
O recital inclúe actuacións do profesorado do Conservatorio nas súas distintas especialidades interprentando obras clásicas, contemporáneas e bandas sonoras.
Participarán os/as mestres Aldara Otero (violín), Alberto Loureiro (saxofón), Paula López (piano), Azazel Fernández (piano), Álvaro Iglesias (guitarra), Lois Prado (gaita), Fernando Sanmartino (clarinete), Lucas Álvarez (tuba) e José Luis García (percusión).
A primeira parte do concerto terá un formato solista e na segunda parte formaranse grupos de conxunto e música de cámara. O recital está aberto a o público en xeral e a entrada é gratuíta.
25 anos do Conservatorio municipal
Tal e como explicou o Alcalde na presentación dos actos organizados con motivo do 25 aniversario do Conservatorio, este centro creouse en 1999 nunha aposta do Concello de Monforte pola formación musical de calidade, que mantense a día de hoxe cunha ampla e variada oferta de estudos oficiais de música, en diversas especialidades. Na actualidade, son sete: Piano, Percusión, Clarinete, Saxofón, Violín, Vento metal e Guitarra, e cun equipo docente formado por 10 profesores e profesoras.
Tal e como detallou o Alcalde, este primeiro cuarto de século, pasaron polo Conservatorio 800 alumnos e alumnas que, xunto co alumnado da Escola Municipal de Música na que se imparten ensinanzas non regradas, suman en conxunto máis de 2.000 alumnos e alumnas formados nas instalacións educativas emprazadas no Edificio Multiusos ao longo destes 25 anos. Estes datos, apuntou, “son unha boa mostra do impacto e da relevancia deste proxecto educativo no noso municipio”. Así, mesmo, destacou que “moitos destes estudantes continuaron a súa traxectoria no ámbito profesional da música, especialmente na docencia”, mentres que os que non se dedicaron profesionalmente “levaron consigo unha formación que contribuíu de maneira moi positiva ao seu desenvolvemento integral”.
O programa conmemorativo arrancou o venres, 10 de abril, cunha mesa redonda titulada “A influencia da Música na saúde e na formación integral da persoa”, a cargo de investigadores universitarios, e continúa esta tarde co Concerto de Mestres.
Seguirá o xoves 30 de abril, cun concerto da ‘brass band’ Brassica Rapa, que terá lugar na Casa da Cultura, ás 20.00 horas. Trátase dun grupo musical de vento metal e percusión formado integramente por mulleres, cun repertorio fresco e variado que conxuga a música instrumental e vocal coa multipercusión, recollendo influencias do jazz, do pop e da música tradicional galega.
Acto central do 25 aniversario
Xa no mes de xuño, o día 6, ás 12.00 horas, a Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá a cerimonia central de conmemoración do 25 aniversario do Conservatorio, ao que asistirán membros da comunidade educativa do centro e representantes municipais.
Este acto contará coas actuacións de exalumnos e exalumnas do centro que na actualidade se dedican profesionalmente á música. Concretamente, o barítono Lucas López López e a violinista Aldara Otero Fernández, que estarán acompañados ao piano polo profesor Azazel Fernández Prado. Nesta celebración, que porá o colofón aos actos programados con motivo da celebración do 25 aniversario, realizarase a entrega dun obsequio conmemorativo ao alumnado e a exalumnos e exalumnas presentes.