Monforte de Lemos, 28 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da contratación dos traballos de desbroce na contorna do conxunto monumental de San Vicente, por importe de 15.000 euros e un prazo de execución de 1 mes. A adxudicación foi aprobada este luns, 27 de abril, na Xunta de Goberno Local, e a previsión é que estas labores de limpeza se desenvolvan durante o mes de xuño.
A roza na zona de San Vicente, explica o rexedor, “ten como finalidade limpar o espazo arredor do conxunto monumental logo do crecemento da maleza e das inclemencias do inverno, co obxecto de adecuar toda a contorna para o uso e desfrute da veciñanza de Monforte e tamén das persoas que visitan a nosa cidade”.
O conxunto monumental de San Vicente e a súa contorna, engade, “teñen un incuestionable valor histórico, arquitectónico e social para o noso municipio, e precisan dunha labor de conservación e mantemento”.
Zona de actuación
Os traballos consistirán na limpeza de maleza na zona de San Vicente, nas ladeiras colindantes co antigo restaurante O Grelo e a Torre dos Taboada, así como a zona na que este restaurante limita coa Muralla e o triángulo situado fronte ao citado restaurante. Limparase tamén a zona do Parador de Turismo e o Campo da Virxe ata a Torre Pequena e o Miradoiro.
Do mesmo xeito, procederase á limpeza da Porta da Alcazaba e a Porta Nova, as escaleiras á rúa da Pena, o Parque dos Loureiros, e a ladeira na zona que hai entre o muro de contención e unha finca privada.
Acometeranse tamén traballos de roza no solar da rúa A Cerca na subida á rúa Burato, no camiño de acceso ao depósito da auga e nos arredores da Torre Falagueira. Finalmente, limparase o muro que dá á Régoa, o muro fronte a unha finca privada tamén na Régoa, o camiño de acceso da rúa Falagueira ao Parador e o recinto da Torre da Homenaxe e a Torre Pequena.