
Monforte de Lemos, 29 de abril de 2026. A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte acolle mañá xoves, ás 20.00 horas, un concerto da ‘brass band’ galega Brassica Rapa. A actuación, con entrada libre e gratuíta, está enmarcada no programa de actividades organizadas polo Concello de Monforte para conmemorar o 25 aniversario do Conservatorio Municipal de Música.
Brassica Rapa é unha ‘brass band’ galega nacida a finais de 2017 e formada integramente por mulleres. Combina instrumentos de vento metal e percusión creando unha proposta sonora potente e festiva, cun repertorio fresco e variado que mestura música instrumental e vocal coa multipercusión. O ser repertorio transita entre grandes éxitos do pop, o jazz, a música tradicional galega e as bandas sonoras.
25 anos do Conservatorio municipal
O Conservatorio Municipal de Música ‘Mestre Ibáñez’ creouse en 1999 nunha aposta do Concello de Monforte pola formación musical de calidade, que mantense a día de hoxe cunha ampla e variada oferta de estudos oficiais de música, en diversas especialidades. Na actualidade, son sete: Piano, Percusión, Clarinete, Saxofón, Violín, Vento metal e Guitarra, e cun equipo docente formado por 10 profesores e profesoras.
Neste primeiro cuarto de século, pasaron polo Conservatorio 800 alumnos e alumnas que, xunto co alumnado da Escola Municipal de Música na que se imparten ensinanzas non regradas, suman en conxunto máis de 2.000 alumnos e alumnas formados nas instalacións educativas emprazadas no Edificio Multiusos ao longo destes 25 anos.
O programa conmemorativo arrancou o venres, 10 de abril, cunha mesa redonda titulada “A influencia da Música na saúde e na formación integral da persoa”, a cargo de investigadores universitarios, e o pasado venres, 24 de abril, celebrouse un Concerto de Mestres do Conservatorio no Edificio Multiusos. A seguinte parada no programa será este xoves, coa actuación de Brassica Rapa.
Acto central do 25 aniversario
O 6 de xuño, ás 12.00 horas, a Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá a cerimonia central de conmemoración do 25 aniversario do Conservatorio, ao que asistirán membros da comunidade educativa do centro e representantes municipais.
Este acto contará coas actuacións de exalumnos e exalumnas do centro que na actualidade se dedican profesionalmente á música. Concretamente, o barítono Lucas López López e a violinista Aldara Otero Fernández, que estarán acompañados ao piano polo profesor Azazel Fernández Prado. Nesta celebración, que porá o colofón aos actos programados con motivo da celebración do 25 aniversario, realizarase a entrega dun obsequio conmemorativo ao alumnado e a exalumnos e exalumnas presentes.