
Monforte de Lemos, 30 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou hoxe, en rolda de prensa, os detalles das actividades que a Guardia Real realizará na cidade do Cabe o vindeiro venres, 8 de maio. Acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada. A exhibición terá lugar na Explanada da Compañía, de 10.00 a 13.00 horas, e consistirá nunha demostración das actividades e da natureza das misións que realizan os efectivos deste corpo militar destinado á protección da Familia Real.
O rexedor detallou que este evento forma parte do exercicio táctico que a Guardia Real levará a cabo na provincia de Lugo do 5 ao 10 de maio e no que despregará as súas unidades, o que supón unha proxección de máis de 500 homes e mulleres, máis de 35 vehículos, 15 motocicletas Harley Davidson, 64 cabalos e 12 cans.
“Desde que tivemos coñecemento de que a Guardia Real fai visitas polas provincias, fixemos xestións para que planificara un desprazamento á provincia de Lugo e que Monforte, como importante cabeceira de comarca, fora base principal destas actividades no sur da provincia”, explicou o Alcalde. Aceptada esta proposta pola Guardia Real, engadiu, “dividiron a provincia en 3 zonas, cada unha delas mandada por un Tenente Coronel, facendo ademais, no caso de Lugo, unha xura de bandeira tal e como xa fixemos en Monforte en 2023”. No caso do sur lucense, a visita tamén terá presenza no Saviñao, Sober, Pantón e Quiroga.
No marco destas xestións, unha delegación da Guardia Real encabezada polo Tenente Coronel del Grupo Mixto, Juan Colmenarejo Ruiz, e integrada por seis mandos militares, visitaron o Concello de Monforte para acordar os detalles do evento, a localización e os espazos necesarios para despregar os vehículos e todo o material necesario. “Son xestións que levan moito tempo, pero o motivo ben o merece, xa que conseguimos que os monfortinos e as monfortinas teñan a oportunidade de coñecer como traballa este corpo militar, que tipo de misións realizan e como se organizan”, detallou o Alcalde.
Como data para esta exhibición en Monforte escolleuse o venres, 8 de maio, porque o mércores 6, a Explanada estará ocupada polo operativo de La Vuelta Feminina, xa que a cidade do Cabe será inicio da 4ª etapa desta competición. Así mesmo, o xoves 7, o Alcalde e a Tenente Alcalde asistirán ao foro “Diálogos Rural e Industria” que o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) celebra no Hotel Palacio de Sober.
Dobre finalidade dos exercicios
Os exercicios que desenvolve a Guardia Real nestas visitas ás provincias ten unha dobre finalidade. Por un lado, o adestramento das unidades, de tal xeito que cada unha traballará na mellora das súas capacidades e levaranse a cabo actividades de instrución como marchas a pe, a cabalo e en moto, e outras destrezas.
Por outro lado, a Guardia Real quere dar a coñecer o seu traballo e a través de exhibicións como a que se vai realizar na Explanada da Compañía, durante toda a mañá, desde as 10.00 ás 13.00 horas, na que se inclúen as seguintes actividades:
1. Pista de obstáculos infantil.
2. Estación de transmisións de radio.
3. Estación de uniformidades oficiais da Guardia Real.
4. Exposición de armamento.
5. Exposición de material de seguridade.
6. Exposición de drons de seguridade.
7. Exposición de material contraincendios da Guardia Real.
8. Vuelo de drons.
9. Exhibición de cabalos de pura raza española.
10. Exposición de cabalos hispanobretóns remolcando peza de artillería.
11. Exhibición de sección de movementos floreados da Guardia Real.
12. Exposición de motocicletas da Guardia Real.
13. Acto de izado/arriado de bandeira nacional.
Todo este despregue, explicou o Alcalde, levarase a cabo na Explanada da Compañía, pero para que sexa posible, a Guardia Real disporá de diferentes espazos para o aparcamento dos vehículos nos que trasladan ao persoal e o material correspondente.
Concretamente, contarán cunha zona no estacionamento do Parque dos Condes xunto ao campo de fútbol dos Escolapios, e tamén coa rúa que vai parella ao parque infantil da Compañía e o muro deste centro educativo.
“Sen dúbida algunha, o venres 8 de maio será un día importante para Monforte, no que poderemos desfrutar dun espectáculo moi pouco habitual, como é a instrución militar. Convido, polo tanto, a toda a cidadanía a achegarse durante a mañá á Explanada e coñecer o traballo da Guardia Real; é unha oportunidade que hai que aproveitar”, concluíu o Alcalde.