
Monforte de Lemos, 5 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, anunciou hoxe en rolda de prensa un novo plan de mellora de infraestruturas viarias que suporá un investimento total de 1.059.733,23 euros.
Na súa intervención, o rexedor destacou que esta actuación responde ao seu compromiso e o do seu Equipo de Goberno de “manter en bo estado todas as rúas, de todos os barrios e tamén das parroquias”, incidindo na importancia de garantir boas comunicacións e a seguridade viaria en todo o termo municipal. “O que hoxe presentamos é un investimento moi importante para seguir mellorando as parroquias e tamén rúas que son arterias principais para as comunicación da cidade”, apuntou.
Actuacións na zona urbana
Na zona urbana, o Concello destinará un total de 574.958,96 euros á mellora de diversas rúas principais:
-AVENIDA DE GALICIA E RÚA CHANTADA: A intervención esténdese desde o cruce da rúa Cardenal ata a Rotonda do Hórreo. Procederase ao fresado do firme actual e á súa renovación integral, “suprimindo os remendos que fixo a Xunta de Galicia”, explicou o Alcalde. A actuación inclúe nova sinalización horizontal e vertical.
O proxecto licitarse esta mesma semana, cun orzamento estimado que ascende a 174.279 euros.
-RÚA VIGO: Licitada este mesmo martes. Renovarase o firme desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar, incluíndo a reparación de cortes existentes debido ás obras ou avarías da auga, e a correcta sinalización en toda a rúa. O investimento será de 122.734,67 euros.
O Alcalde destacou que este proxecto “vai permitir unha boa urbanización do barrio do Casar”.
-RÚA PINTOR LUIS SEOANE: Neste caso actuarase no seu tramo inicial, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas na marxe dereita, “rebaixando todo o firme actual para que a cota do no novo firme quede á mesma altura, evitando así que as augas pluviais entren nos edificios”, detallou o Alcalde na presentación. Así mesmo, engadiu, “dotarase de sinalización horizontal e vertical da que agora non dispón”. O orzamento deste proxecto é de 11.214,05 euros.
Esta obra, indicou o rexedor, “adxudicarase a través dun contrato menor á empresa que gañe o concurso da rúa Chantada ou da rúa Vigo, pola proximidade xeográfica e facilidade para mover as máquinas”.
-RÚA CALVO SOTELO: Mellorarase o firme e a sinalización dunha das principais vías de conexión do barrio da Estación co centro urbano e de saída cara a N-120 en dirección Castro Caldelas, Ponferrada ou Ourense. A actuación consiste no fresado de toda a superficie e reparación dos afundimentos centrais que presenta na metade final cara a Estación, mantendo os redutores de velocidade.
Unha vez renovado o firme, explicou o Alcalde, “procederase á nova sinalización, completando o arranxo de todas as rúas que comunican o barrio da Estación con calquera outra zona da cidade”. Neste senso, Tomé Roca destacou que “é a primeira vez que o barrio da Estación ten case todas as rúas arranxadas, xa que algúns veciños xa nos propuxeron mellorar tamén o firme da rúa Coruña, polo ruído que xera”.
O investimento na rúa Calvo Sotelo ascende a 182.735,41 euros.
-ZONA MONTEPANDO-BOUZA BREY: Nesta zona, segundo explicou o Alcalde, acondicionarase unha pista, “que na práctica son 3, que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”.
O orzamento de licitación ascende a 73.995,83 euros.
Actuacións na zona rural
No rural, o investimento total ascende a 484.784,27 euros, con actuacións previstas en catro parroquias:
-PIÑEIRA: O Alcalde anunciou que nesta parroquia levaranse a cabo tres obras importantes. Unha é a vía que une a estrada de Sober no centro de Piñeira coa estrada de acceso ao Polígono do Reboredo, que consistirá en traballos de regularización do firme, capa de aglomerado en quente e a correspondente sinalización. Este proxecto alcanza os 177.770,29 euros.
Prevese tamén a mellora de dúas pistas que saen do lugar de ‘O Bosque’ para unirse na rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando xunto a unha finca que fai eventos de hostalería. Esta intervención nas dúas pistas ten un orzamento de 103.825,63 euros.
O investimento total en Piñeira supera os 281.000 euros.
-RIBASALTAS: Arranxaranse todas as pistas da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun orzamento de 111.231,98 euros.
-MARCELLE: Nesta parroquia mellorarase con rego asfáltico a pista que une a recta de Marcelle ata o núcleo de ‘A Meda’ e arranxarase as pistas que unen os Asenxos e do Seixo, cun investimento de 48.370,71 euros.
-SAN JULIÁN DE TOR: Actuarase na pista Eirexe-Outeiro, incluíndo melloras no firme e nalgún treito de muro lindante coa pista, cun orzamento de 43.585,66 euros.
Máis de 1 millón de euros para mellorar a mobilidade
En conxunto, estas actuacións supoñen un investimento superior ao millón de euros que, segundo destacou o Alcalde, José Tomé, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas principais da cidade, reforzando a seguridade vial e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.
Avanzou, así mesmo, que algúns dos proxectos sairán a licitación de inmediato, mentres que outros o farán nos próximos días.