O Alcalde destaca no 40 aniversario do Hospital de Monforte a influenza que tivo o centro sanitario no progreso e crecemento da cidade

Monforte de Lemos, 6 de maio de 2026.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, participou na mañá deste mércores, 6 de maio, no acto conmemorativo do 40 aniversario do Hospital de Monforte, que rendeu homenaxe ao traballo realizado durante estes anos e ao compromiso dos seus profesionais.

O rexedor, que tivo que ausentarse para asistir á saída da 4ª Etapa de La Vuelta Femenina desde a Compañía, saudou á Directora do Distrito Sanitario de Monforte, María Inmaculada Ramos, ao Xerente do Sergas, José Ramón Parada, e ó Xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, e participou nas actividades do inicio do programa.

Para o Alcalde, a posta en marcha do Hospital de Monforte hai 40 anos foi un “fito” que supuxo un punto de inflexión na atención sanitaria de Monforte e do conxunto da comarca: “A creación deste hospital marcou un antes e un despois nas vidas de todos os monfortinos e monfortinas; os que o vimos nacer coñecemos moi ben a influenza que tivo no progreso e no crecemento da nosa cidade”.

Deste xeito, o Alcalde sinala que co 40 aniversario do Hospital celébranse tamén catro décadas de historia de Monforte e fixo referencia, por exemplo, ao impacto que tivo no desenvolvemento do propio entorno da Corredoira, hoxe barrio do Hospital, e ao seu papel como dinamizador da economía do municipio: “A creación de emprego foi fundamental tamén para atraer e fixar poboación e para impulsar a actividade económica, os postos de traballo que creou o Hospital compensaron con creces os que se perderon no Ferrocarril, no Butano ou na Chacinera”, indica.

O rexedor trasladou tamén o agradecemento ao persoal sanitario, administrativo e de servizos que exerceron e exercen neste centro sanitario, “xeracións enteiras de profesionais dedicados a velar pola nosa saúde e a coidarnos”, compromiso que tivo o seu máximo expoñente durante a pandemia, engadiu.

Nesta conmemoración, o Alcalde pon unha mirada de futuro no que, dixo, “faise necesario seguir apostando por unha sanidade pública de calidade, próxima, accesible e humana”.