Monforte de Lemos, 7 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, participou na mañá deste xoves, 7 de maio, no “Encontro de Sober. Diálogos Rural e Industria”, organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), e que reúne a máis de 400 profesionais entre hoxe e mañá no Áurea Palacio de Sober.
O obxectivo deste foro é crear un espazo de diálogo entre o rural e a industria para pensar o futuro de Galicia desde o territorio, conectando empresa, institucións, sector primario, sostenibilidade e innovación, cunha visión práctica orientada a activar oportunidades reais no interior galego. Con este cometido, o Encontro congrega nestas xornadas a máis de 50 poñentes. O activo foi inaugurado, entre outros, polo Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, e o Presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López Vázquez.
O rexedor tivo a oportunidade de departir con diferentes representantes empresariais da comunidade galega e intercambiar opinións sobre o desenvolvemento do rural vinculado á industria. Neste senso, José Tomé lembra que, desde o Concello de Monforte, “a través de accións dirixidas a impulsar o crecemento industrial, demostramos o noso compromiso co rural e co interior de Galicia, para que siga vivo”. Para acadar este reto fundamental, o Alcalde considera que “ten que haber polos de desenvolvemento industrial de ámbito comarcal que fagan de motor da economía nas comarcas e que fixen poboación nos concellos lindantes”.