O Alcalde reafirma a aposta de Monforte por un turismo máis equilibrado e sostible na inauguración da IX edición de Expocidades, en Amarante (Portugal)

Monforte de Lemos, 9 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a Tenente Alcalde, Gloria Prada, participaron este venres pola tarde na inauguración da IX edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade do Eixo Atlántico, que se celebra durante toda a fin de semana no Parque Multifuncional do Rossio, en Amarante (Portugal).

Este encontro é un evento xa consolidado como unha das principais citas do turismo de proximidade entre Galicia e o Norte de Portugal e serve de promoción da oferta turística, cultural e económica dos concellos do Eixo Atlántico participantes, entre eles o de Monforte de Lemos, que conta con stand propio na Expocidades.

O obxectivo desta iniciativa, explica Tomé Roca, “non é outro que promover un turismo responsable, sostible e de excelencia, accións nas que traballamos no Concello de Monforte desde que chegamos ao Goberno en 2015”. Así o trasladou o rexedor neste evento, no que participaron, entre outros, o vicepresidente do Eixo Atlántico e Presidente da Câmara de Viana, Luís Nobre, e o Secretario Xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como representantes dos concellos participantes e de outras institucións.

O Alcalde subliñou a importancia dun encontro que promociona un turismo de proximidade entre Galicia e Portugal e que serve para dar a coñecer as excelencias tanto gastronómicas como patrimoniais das cidades participantes. “O turismo é un motor económico moi importante para as entidades que formamos parte desta alianza e nas nosas políticas temos que camiñar cara un turismo máis equilibrado e sostible, co foco centrado nos recursos locais e no valor patrimonial, cultural e ambiental”, indicou Tomé Roca. Valores, engadiu, “polos que apostamos no noso Concello, capital da Ribeira Sacra, neste momento precisamente no que agardamos unha resolución favorable da candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade, que coñeceremos no mes de xullo”.

Durante a súa estancia en Amarante, o Alcalde e a Tenente Alcalde convidaron a todos os asistentes a Expocidades a achegarse ao stand que Monforte ten na exposición, para coñecer mais de preto toda a oferta cultural, patrimonial e gastronómica que ofrece a capital da Ribeira Sacra.