
Monforte de Lemos, 9 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, asiste este sábado áo XVII Torneo Val de Lemos de Ximnasia Rítmica, que se celebra no Pavillón Polideportivo de A Pinguela e que reúne na nosa cidade a 800 ximnastas de toda Galicia. A competición, organizada polo Club Quicela de Monforte, contou coa estreita colaboración do Concello de Monforte.
A competición desenvolveuse en xornada de mañá e tarde e contou con gran animación por parte do público. Na xornada de mañá participaron os equipos de Nivel B e Prebase e as ximnastas individuais de Promoción e Base. Xa pola tarde foi a quenda dos conxuntos Escolares e de Promoción. En total, arredor de 800 ximnastas pertencentes a 23 clubs das catro provincias galegas.
O Alcalde, xunto co Concelleiro de Deportes, entregou as medallas ás gañadoras de cada categoría e felicitou a todas as ximnastas pola súa deportividade e bo facer. Así mesmo, trasladou a súa noraboa ás organizadoras do evento e unha felicitación especial para as ximnastas do Club Quicela de Monforte.
Na xornada de mañá, o equipo monfortino acadou medallas na categoría de Conxuntos Prebase, na que se fixo coa segunda clasificación, e na Individual Base, na que a ximnasta Alisa Urdaneta conseguiu a segunda posición na categoría xuvenil.