A Tenente Alcalde enxalza o talento local nos sectores do viño, a gastronomía e o turismo na inauguración do III Marida Maio

Monforte de Lemos, 14 de maio de 2026. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou esta tarde na inauguración da III edición do Marida Maio, un evento enogastroturístico que organizan a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e a súa delegación sur, e que conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos. O evento desenvólvese en tres xornadas, os xoves 14, 21 e 28 de maio, coa participación de bodegas, establecementos hostaleiros e empresas dedicadas ao patrimonio, a arte e o turismo.

A inauguración desta nova edición tivo lugar ás 19.30 horas no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte coas intervencións da Delegada da zona sur de APEHL, Beatriz Vila; a Xerente do Centro do Viño, Mabel Álvarez; o Deputado Provincial Xosé María Arias, responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, e a Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, que pechou o acto convidando a todos os asistentes “a participar nestas xornadas e descubrir os excelentes viños das nosas bodegas, as propostas gastronómicas da hostalería, proxectos culturais, artesáns e turísticos que amosan o enorme talento local da nosa comarca”, indicou.

Neste senso, recoñeceu o traballo e esforzo da APEHL e a súa delegación sur na organización e impulso de campañas como o Marida Maio, “que se traducen nun impulso económico para Monforte e a súa contorna” e reafirmou a colaboración do Concello de Monforte nestas iniciativas “que contribúen á dinamización da nosa economía a través de sectores diversos como son a hostalería e o turismo”.

Por todo elo, trasladou as súas felicitacións, en nome do Concello de Monforte, por esta nova edición dun evento “que xa se consolida como unha cita destacada da primavera na Ribeira Sacra”.

 

Programa e participantes do III Marida Maio

A III edición do Marida Maio estrutúrase en tres xornadas con presentacións dos viños das adegas participantes xunto cos petiscos de diversos establecementos hostaleiros, aos que tamén se unen empresas dedicadas ao mundo do patrimonio, da arte e do turismo para dar a coñecer os seus servizos. Os encontros, nos que haberá música en directo, durarán ao redor dunha hora e media, desde as 19.30 ata as 21.00 horas, con asistencia gratuíta. Pero dado que a capacidade máxima de persoas por día é de 30, faise necesario realizar unha inscrición previa no teléfono 982 412 050.

A primeira cita foi a deste xoves 14 de maio, coa participación de Cova do Xacio, Manuel Bistró, Adega Ohmio, Restaurante Río Cabe–Hotel Cardenal e Gundivós: Tradición, Arte e Patrimonio da man do oleiro Elías González (Centro Oleiro Reitoral de Gundivós) e Casa–Museo Genia Trigo.

O seguinte xoves, 21 de maio, protagonizarán a cita Tributo–Capitol, Adega Alouviño, Artesanía de Galicia da man de Pilar Rodríguez de “En Lá”, Museo Lodeiro, Adega Cruceiro e Catamarán Río Sil. Para rematar, o xoves 28, estará dedicado a Barvantia, Coureleando, Hotel-Restaurante Hermida Rural, Bodega Os Cipreses e Bodega Instinto Romano.