O Alcalde celebra a concesión da Escoba de Platino 2026 ao Concello de Monforte pola integración do punto limpo e o centro verde no servizo de limpeza e recollida de residuos

Monforte de Lemos, 16 de maio de 2026. O Concello de Monforte de Lemos vén de ser distinguido coa Escoba de Platino 2026, un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS) .

O recoñecemento pon en valor a aposta do Alcalde, José Tomé Roca, e do seu Equipo de Goberno, por un modelo integral baseado na integración do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria, e sitúa a Monforte de Lemos como un referente na xestión ambiental municipal, destacando pola súa aposta pola integración de servizos, a dixitalización e a mellora continua.

Esta integración, implantada en xuño de 2025, permitiu superar as limitacións do modelo anterior, no que ambas instalacións funcionaban de maneira independente ao servizo de recollida, e mellorar a eficiencia e a coordinación na trazabilidade dos residuos.

A Escoba de Platino 2026 é a 4ª desta categoría que obtén o Concello de Monforte de Lemos nos últimos seis anos, tras recibir o galardón tamén nos anos 2020, 2022 e 2024. Previamente, obtivo a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014.

O rexedor, que recollerá o premio o vindeiro 10 de xuño en Madrid, indica que “esta Escoba de Platino supón un recoñecemento ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía. Apostamos por unha xestión integrada, sostible e coordinada, e os resultados demostran que imos polo bo camiño”.

Salienta, ademais, que este galardón “supón un novo recoñecemento ao traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de lixo orgánico no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”. Precisamente, o Concello de Monforte obtivo a Escoba de Platino 2024 “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns”. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost”.

Actualmente, o Concello mantén activa a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible” para a mellora da xestión dos residuos orgánicos e da compostaxe no municipio que inclúe accións na rúa e nos centros educativos co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón. A iniciativa achega, de balde, colectores domésticos e composteiros individuais aos veciños e veciñas que o solicitan a través dun formulario ‘on line’ na páxina web municipal.

Resultados cuantificables dun modelo integrado

Dende a incorporación destes servizos ao contrato de recollida de residuos, os datos rexistrados amosan unha mellora clara no uso, control e xestión das instalacións:

Punto limpo:

  • 3.191 entradas rexistradas
  • 247.881 quilos de residuos xestionados

Centro verde (uso industrial):

  • 347 entradas rexistradas
  • 280.804 quilos xestionados

Dentro da actividade do centro verde destacan ademais:

  • 68.720 quilos procedentes do servizo de recollida porta a porta, con 1.389 avisos atendidos
  • 24.120 quilos recollidos de verteduras incontroladas, contribuíndo á mellora ambiental e á eliminación de puntos negros no municipio

Neste senso, o Concello lembra á veciñanza o amplo horario de atención do punto limpo e o servizo de recollida de enseres porta a porta, dispoñible mediante chamada ao teléfono 900 101 390.

Ante estes resultados, o Alcalde subliña que “a integración dos servizos permitiu mellorar a coordinación, optimizar recursos e ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ás necesidades da cidadanía, ao tempo que avanzamos na protección do medio ambiente”.

 

Mellora do servizo e maior accesibilidade

Un dos aspectos clave do novo modelo é a mellora da accesibilidade ás instalacións. Así, o punto limpo conta actualmente cun amplo horario de atención, en quenda de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, facilitando así o depósito adecuado dos residuos e reducindo significativamente o risco de verteduras incontroladas.

Ademais, implantáronse sistemas de control de accesos e ferramentas dixitais de xestión que permiten rexistrar todos os movementos de residuos, garantindo a súa trazabilidade e mellorando a calidade da información para a toma de decisións.

Xunto coa dixitalización, incorporáronse tamén melloras en eficiencia enerxética, coa instalación de iluminación LED, e continúase traballando na mellora dos accesos e da vixilancia das instalacións.

 

Optimización global do servizo de recollida e limpeza viaria

A integración do punto limpo e do centro verde dentro do contrato municipal permitiu avanzar cara a unha xestión unificada do servizo, optimizando recursos humanos e materiais. Esta coordinación facilita:

 

  • Unha mellor planificación de rutas e servizos
  • Maior eficacia na recollida de enseres e residuos especiais
  • Redución de desprazamentos innecesarios
  • Mellora no mantemento e limpeza das instalacións

 

Todo isto enmárcase nun servizo moderno de recollida de residuos e limpeza viaria, orientado á eficiencia operativa, á sostibilidade e á mellora da calidade do espazo urbano.

 

Avances na recollida selectiva e fracción orgánica

O recoñecemento por parte de ATREGUS destaca tamén as melloras na recollida selectiva, especialmente na implantación do sistema de recollida da fracción orgánica mediante o cubo marrón que o Concello de Monforte entrega de balde aos veciños e veciñas que o solicitan.

Así mesmo, nas últimas semanas estase ampliando a implantación desta recollida entre os grandes produtores, especialmente no sector hostaleiro, ao que o Concello agradece a súa colaboración para mellorar a separación de residuos.

“Este premio anímanos a seguir avanzando nun modelo de cidade máis sostible e comprometida co medio ambiente. Monforte está a consolidarse como un referente en innovación aplicada aos servizos urbanos”, conclúe o Alcalde.