O Alcalde anuncia a licitación das obras de mellora do pavimento nas rúas Calvo Sotelo, Montepando-Bouza Brey e Ribasaltas, por un importe de 368.000€

Monforte de Lemos, 18 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación de tres novos proxectos de mellora da pavimentación das rúas Calvo Sotelo e Montepando-Bouza Brey no casco urbano, e da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo na parroquia de Ribasaltas, por un importe que, en conxunto, suma  368.000€.

As tres actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o rexedor este mes de maio e que comprende unha decena de actuacións en rúas do centro urbano e da zona rural que suman un orzamento de 1.059.733,23€. Este programa de obras, indica o rexedor, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

A Xunta de Goberno Local na sesión deste luns, 18 de maio, deu luz verde á licitación destes tres proxectos, que se suman aos dous licitados a semana pasada, correspondentes á Avenida de Galicia-Rúa Chantada e á Rúa Vigo, e que xa se atopan en proceso de presentación de ofertas.  

As novas licitacións aprobadas polo Equipo de Goberno publicaranse mañá martes na Plataforma de Contratación Pública e o prazo para presentar ofertas nos tres procedementos finaliza o 15 de xuño. Os prazos de execución, nos tres casos son de 1 mes.

 

Rúa Leopolodo Calvo Sotelo

A actuación na RÚA CALVO SOTELO ten por obxectivo mellorar o firme e a sinalización dunha das principais vías de conexión do barrio da Estación co centro urbano e de saída cara a N-120 en dirección Castro Caldelas, Ponferrada ou Ourense. Esta rúa forma parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte, logo da recente cesión da titularidade por parte da Xunta de Galicia, publicada no DOG o pasado 22 de febreiro.

A intervención afecta a un tramo de 905 metros de lonxitude da vía desde o cruce coa rúa Roberto Baamonde ata a Praza da Estación. O ancho medio é de 9,38 metros, cunha superficie total de actuación de 8.895m².

A actuación consiste no fresado de toda a superficie e reparación dos afundimentos centrais que presenta na metade final cara a Estación, mantendo os redutores de velocidade. Unha vez renovado o firme, explica o Alcalde, “procederase á nova sinalización, completando o arranxo de todas as rúas que comunican o barrio da Estación con calquera outra zona da cidade”.

Neste senso, Tomé Roca destacou que “é a primeira vez que o barrio da Estación ten case todas as rúas arranxadas”.

O investimento na rúa Calvo Sotelo ascende a 182.735,41 euros.

 

Zona Montepando-Bouza Brey

Neste caso, as obras proxectadas consisten na rexeneración do firme dun total de 1.200 metros de firme, cun ancho medio de 4,02 metros e unha superficie total de 4.820 m². Segundo explica o Alcalde, acondicionarase unha pista, “que na práctica son 3, que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. Neste traxecto inclúense tamén dous ramais que dan servizo a casas illadas desa zona, cruzando a N-120 por pasos inferiores. Con esta intervención, que vai consistir en aglomerado en quente e sinalización, “quedarán arranxadas todas as pistas da zona”.

A actuación comezará polo rebaixado do firme actual nas zonas necesarias, nas que se efectuará un recheo posterior con zahorra. A continuación procederase ao barrido do firme e colocación de nova capa de rodadura de aglomerado en quente e recalce de tapas de arquetas. Así mesmo, nalgunha zona é necesario colocar tamén unha capa de regularización previa. Finalmente, realizarase o pintado de marcas viarias.

O orzamento de licitación ascende a 73.995,83 euros.

 

Parroquia de Ribasaltas

Arranxaranse todas as pistas da marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun orzamento de 111.231,98 euros.

Segundo recolle o proxecto, melloraranse unha serie de vías municipais situadas na parroquia de Ribasaltas, na marxe dereita da estrada provincial, logo da actuación que xa se levou a cabo na parte esquerda.

As obras proxectadas consisten na rexeneración do firme en varias vías municipais que suman unha lonxitude total de 1.790 metros, cun ancho medio de 3,65 m e unha superficie conxunta de 6.536 m².

Ademais de rexenerar o pavimento, a actuación pretende mellorar o acceso central desde a área recreativa ata a estrada provincial, ensanchando o primeiro tramo do mesmo ata os 6 metros. Deste xeito, na parcela municipal colindante crearase unha área verde, con plantación de arborado e céspede, e colocación de mobiliario urbano.

Os traballos consistirán no rebaixado do firme actual nas zonas necesarias, que se rechearán con zahorra. Seguidamente procederase ao barrido do firme na zona de actuación e colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente, con posterior recalce de tapas de arquetas.

Nas zonas nas que se execute a base de zahorra colocarase unha capa de aglomerado previa á capa de rodadura definitiva. Por último, realizarase o pintado de marcas viarias e cebreados. Así mesmo, colocaranse sinais de STOP de 60 e 90 cm en todos os cruces nos que non existen actualmente.

 

Próximas contratacións

O plan de investimentos por máis de 1M€ anunciado polo Alcalde completarase en vindeiras datas coa contratación da mellora da pavimentación da rúa Pintor Luis Seoane e as actuacións en vías de Piñeira, Marcelle e San Julián de Tor.

O obxectivo é que todos os proxectos estean executados a finais deste ano 2026.