Monforte de Lemos, 23 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer hoxe a programación musical das Festas Patronais 2026, que se celebrarán entre o 11 e o 16 de agosto. O rexedor presentou un cartel que reunirá artistas de gran proxección nacional e internacional, orquestras emblemáticas da verbena galega e un espazo destacado para as bandas locais.
Esta programación, indicou Tomé Roca, “responde ao modelo de Festas impulsado polo actual Equipo de Goberno”, baseado en ofrecer unha ampla variedade musical e artística pensada para públicos moi diferentes, tanto en idades como en gustos musicais. “Esta variedade e a boa calidade do programa de actividades que deseñamos ano tras ano é o que ten convertido as nosas Festas nun referente en Galicia”, polo que a aposta continúa sendo “manter unha programación ambiciosa e inclusiva”, apuntou.
O Alcalde explicou que as Festas contarán con seis grandes concertos principais, o primeiro na Praza de España o día do pregón, e o resto na Explanada da Compañía. Estes últimos reforzados coas actuacións de orquestras ou bandas locais que ampliarán a programación nocturna ata a madrugada con sesións antes e despois dos concertos principais. De tal xeito que o horario musical con carácter xeral comezará en torno ás 22.30-23.00 horas para rematar entre as 3.30 e as 4.30 horas.
O programa completo de actuacións musicais é o seguinte:
Martes, 11 de agosto:
- DE VACAS. A programación arrancará tralo pregón das Festas coa actuación de De Vacas, coñecido cuarteto que destaca polas súas versións en galego de grandes éxitos internacionais. O “Amodiño” que fixeron co “Despacito”, de Luis Fonsi, foi un fenómeno viral que acumula centos de miles de visualizacións en YouTube. Non se salvan do seu repertorio artistas como Enrique Iglesias ou Rosalía.
O concerto celebrarase na Praza de España, ás 22.30 horas.
Mércores, 12 de agosto:
- RÁFAGA: A noite do mércores estará encabezada por unha das bandas arxentinas máis recoñecidas internacionalmente, autora de éxitos como “Mentirosa”, “Una cerveza” ou “Muero de frío”. Esta formación acumula:
- Máis de 3 millóns de oíntes mensuais en Spotify
- Máis de 1.000 millóns de visualizacións en YouTube
- Máis de 1 millón de seguidores en Facebook
En palabras do Alcalde, “un fenómeno global capaz de reunir a públicos de todas as idades”. A actuación será ás 00.00 horas.
- ORQUESTA OLYMPUS: Ofrecerá dous pases. Un de 23.00 a 00.00 horas, e outro, máis extenso, de 1.30 a 3.30 horas.
Xoves, 13 de agosto:
- MISS CAFEÍNA: Chega a quenda dunha das bandas máis representativas do pop alternativo español actual e un dos nomes imprescindibles nos principais festivais e grandes escenarios nacionais. No seu repertorio destacan temas como “Reina”, “Mira como vuelo” ou “Merlí”. O grupo supera o medio millón de oíntes mensuais en Spotify e conta con máis de 58 millóns de reproducións en YouTube.
O concerto será ás 12 da noite, na Explanada da Compañía.
- ORQUESTA ACORDES: Ofrecerá dous pases. Un de 23.00 a 00.00 horas, e outro de dúas horas, de 1.30 a 3.30 horas.
Venres, 14 de agosto:
- MARLON: O concerto principal do día 14 corresponde a esta banda asturiana, considerada un dos grandes referentes do pop-rock nacional. Ademais, neste 2026 veñen de iniciar unha nova etapa artística co seu álbum “Hipersensible”. O Alcalde referiuse a este grupo a través duns datos de audiencia que “falan por si sós”: Máis de 600.000 oíntes mensuais en Spotify e máis de 46 millóns de visualizacións en YouTube.
- ORQUESTA LOS ESPAÑOLES. Dous pases, 23.00 a 00.00 horas, e de 1.30 a 3.30 horas.
Sábado, 15 de agosto:
- BERET: O día grande das Festas Patronais terá como protagonista a Beret, un dos artistas españois con maior proxección internacional na última década. O cantante e compositor sevillano chega a Monforte cunha larga lista de éxitos como “Lo siento”, “Ojalá” o “Si por mí fuera”, e tamén con novidades, explicou o Alcalde, “xa que o artista atópase de xira por España, Europa e América, presentando o seu terceiro álbum, “Lo bello y lo roto”.
Os datos, apuntou Tomé, “dan boa conta do tirón deste artista” anticipando que este concerto será uno dos máis multitudinarios das Festas 2026:
- Máis de 6 millóns de oíntes mensuais en Spotify
- Máis de 2.000 millóns de visualizacións en YouTube
- Máis de 4,6 billóns de reproducións totais en plataformas de ‘streaming’
- Máis de 25 discos de platino
- Colaboracións con artistas da talla de Pablo Alborán, Melendi, Aitana, Estopa, Morat ou Sebastián Yatra
Este concerto será ás 0.30 horas, despois da sesión de fogos artificiais de San Vicente, e finalizará en torno ás 2.00 de madrugada.
- DOC MAGOO`S e MALENNE. A xornada grande das Festas Patronais reserva tamén protagonismo ao talento local, coa participación das bandas monfortinas:
DOC MAGOO’S, de 22.30 a 00.00 horas
MALENNE, de 02.00 a 03.30 horas
O Alcalde reafirmou na presentación do programa a “firme aposta” do Equipo de Goberno “polas bandas monfortinas, apoiando a creación a musical local, neste caso con dúas bandas cunha grande capacidade de convocatoria”, indicou, destacando os directos de “gran calidade e dinamismo” destes grupos.
Domingo, 16 de agosto:
- ORQUESTA PANORAMA: O peche das Festas correrá a cargo da Orquesta Panorama, auténtica referencia das verbenas galegas e habitual das grandes citas festivas. “Todas as presentacións sobran cunha orquestra espectáculo como esta, capaz de encher calquera recinto”, apuntou o Alcalde.
Ofrecerá dous pases. O primeiro despois dos Fogos do Río, de 00.30 a 2.30 horas, e a segunda, de 3.30 a 4.30 da madrugada. A Panorama acumula:
- Máis de 20 millóns de visualizacións en YouTube
- Máis de 200.000 seguidores en Facebook
- Máis de 200.000 seguidores en Instagram
- GRUPO AMÉRICA. A Orquesta Panorama compartirá cartel co Grupo América, outra formación xa coñecida polo público monfortino: “Recordarán vostedes que este grupo xa actuou nas Patronais deixando en Monforte unha excelente impresión”, indicou o rexedor.
Están programadas dúas sesións: de 22.00 a 00.00 horas, e de 2.30 a 3.30 horas.
Monforte, referente festivo en Galicia
O Alcalde pechou a presentación do programa de concertos das Festas Patronais destacando a calidade do cartel deseñado para esta edición: “Unha programación moi axeitada, unhas festas inclusivas e abertas a todos os públicos, principalmente ao público xove, pensadas para celebrar a identidade monfortina e para apoiar ó noso tecido económico con concertos de primeiro nivel”. Todo co obxectivo, concluíu, “de seguir mantendo as Festas Patronais de Monforte como un dos referentes de Galicia, esperando que sexan moitos os galegos e galegas que nos visiten atraídos pola calidade dunha programación como a que acabamos de presentar”.