O Alcalde anuncia que levará ao Pleno a denominación da nova rúa Parque dos Condes, na Zona D, e a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico para incorporar os novos viais urbanos

Monforte de Lemos, 28 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e do Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar a proposta que a Alcaldía levará ao Pleno da Corporación Municipal, para a denominación da nova rúa peonil resultante da urbanización da coñecida Zona D como “rúa Parque dos Condes”, e a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico para incorporar os novos viais urbanos. No referente á nova rúa peonil, o Alcalde avanzou que “as obras atópanse nun estado moi avanzado de execución e estarán rematadas durante o próximo mes de xullo”.

José Tomé destacou que esta proposta “responde á liña de coherencia” que o seu Equipo de Goberno vén mantendo nos últimos anos á hora de asignar nomes ás novas rúas e espazos urbanos da cidade. Neste sentido, lembrou actuacións recentes como a creación das rúas Rof Codina, Roberto Martínez Andrade ou Gardería, todas elas vinculadas á evolución urbanística e á mellora das infraestruturas da cidade.

Así mesmo, o rexedor explicou que a denominación escollida, “rúa Parque dos Condes”, responde á súa localización, xa que a nova vía discorre paralela ao Parque dos Condes, un dos espazos verdes máis emblemáticos e utilizados da cidade.

 

Modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico

Outro dos asuntos anunciados polo Alcalde foi a aprobación da “Consulta Pública Previa” para a modificación da Ordenanza Municipal de Tráfico.

José Tomé explicou que “este trámite é necesario antes de proceder á modificación de calquera normativa municipal de carácter non fiscal”. A proposta de modificación da ordenanza, indicou, “faise diante dun informe elaborado pola Policía Local, no que se pon de manifesto a necesidade de incorporar oficialmente á rede viaria municipal novos viais completos ou parciais que foron executados ou urbanizados nos últimos anos como consecuencia das distintas actuacións desenvolvidas polo Concello”.

 

Unha vez superada a fase de Consulta Pública Previa, na proposta da Alcaldía para a modificación do texto da ordenanza inclúense os seguintes viais:

Paseo do Parque do Hospital: Esta vía discorre dende a rúa Corredoira ata a rúa dos Codesos, que foi cedida no seu día pola Xunta ao Concello.

Rúa Rof Codina: Unha vez completada na súa totalidade, esta rúa conecta a Avenida de Galicia coa rúa Covas, atravesando a rúa Gardería e mellorando notablemente a conectividade desta zona da cidade.

Rúa Gardería: Trátase dunha vía ampliada, completada e urbanizada sobre unha pista xa existente, que agora enlaza a rúa Covas co río Cabe, sendo atravesada pola rúa Rof Codina.

Rúa Roberto Martínez Andrade: Tras a finalización das obras de urbanización e alongamento, esta vía comunica actualmente a rúa Chantada coa rúa Santiago, mellorando a mobilidade nesta contorna urbana.

Rúa Parque dos Condes: A nova rúa peonil discorre paralela ao Parque dos Condes e conecta a rúa Cardenal co Paseo do Río Cabe, cerrando un círculo de 5 km que vai conformar a nova senda peonil e ciclista, dende Correos ata o Asilo San José, continuando polo Paseo do Río Cabe ata o Parque dos Condes.

Ponte Nova do Malecón: O Alcalde informou tamén da incorporación ao viario municipal da futura Ponte Nova do Malecón, infraestrutura que permitirá unir o Paseo do Malecón coa rúa Santa Clara á altura do cruce coa rúa Corredoira, no lugar actualmente ocupado pola pasarela de madeira.

Segundo explicou José Tomé, esta nova ponte está contemplada dentro da estratexia urbanística e de mobilidade definida no Plan Especial de Protección do Casco Histórico, documento que establece como obxectivo a peonalización da Ponte Medieval e a conseguinte reorganización do tráfico rodado na contorna da rúa Santa Clara e vías anexas.

O rexedor lembrou que a memoria de mobilidade do Plan Especial, concretamente no apartado 5.2.1, xa recolle este obxectivo, mentres que o artigo 146.2 da Normativa Urbanística contempla expresamente a posibilidade de executar unha nova ponte sobre o río Cabe para facer viable a peonalización da Ponte Medieval.

Do mesmo xeito, o citado artigo atribúe ao Concello de Monforte de Lemos a competencia para establecer a regulación do tráfico e do estacionamento no viario público co fin de desenvolver os criterios establecidos polo propio Plan Especial.

Neste contexto, o Concello procederá á adaptación da Ordenanza Municipal de Tráfico co obxectivo de permitir a circulación de vehículos na futura ponte e na vía de conexión coa rúa Santa Clara, garantindo ao mesmo tempo a convivencia entre tráfico peonil e tráfico rodado en ambas infraestruturas.

 

Tramitación da modificación da ordenanza

José Tomé explicou tamén os pasos administrativos que seguirá esta modificación normativa. Así, a “Consulta Pública Previa” ten que estar a exposición pública durante 30 días hábiles dende que se publique no Boletín Oficial da Provincia: “Se houbera aportacións, hai que estudialas e levar o texto proposto a Pleno para a súa aprobación inicial, seguida da exposición pública para a posibilidade de presentar alegacións, resolvelas e aprobar nun novo Pleno a Ordenanza con carácter definitivo e publicala no BOP para que entre en vigor”, explicou o rexedor.

En resumen, concluíu, “o que se pretende é regularizar as novas dotacións viarias, que son o resultado das melloras urbanas levadas a cabo”.