
Monforte de Lemos, 29 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da apertura ao tráfico desde hoxe do novo tramo da rúa Roberto Martínez Andrade, unha actuación que permite conectar directamente as rúas Chantada e Santiago, mellorando a circulación nesta zona da cidade e eliminando un importante tapón urbanístico existente desde hai anos e mellorando a conectividade na zona. O rexedor supervisou a posta en servizo do vial, cuxas obras foron executadas pola empresa Extraco cun investimento total de 132.190 euros.
A actuación consistiu na prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade nun tramo de 57 metros de lonxitude novos, cun ancho medio de 12,14 metros e unha superficie total de 692 metros cadrados.
A nova urbanización inclúe dúas beirarrúas peonís, situadas a ambos lados da vía, cunha anchura aproximada de entre 1,20 e 1,50 metros, así como unha calzada central de entre 6,90 e 9,30 metros de ancho, con dous carrís de circulación, un por cada sentido. Complétase cunha zona de estacionamento en liña nun dos lados do vial incluída a parte da rúa xa existente, tal e como establece a normativa de circulación.
Ademais da execución do novo vial, a obra incluíu a dotación de todos os servizos urbanos necesarios, entre eles rede de saneamento, pluviais, abastecemento de auga, iluminación pública, baixa tensión e telecomunicacións. Tamén se realizaron os peches das parcelas afectadas e colocáronse portas de acceso ás mesmas.
A sinalización inclúe marcas viarias horizontais e a sinalización vertical correspondente, incluído un sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago para os vehículos procedentes da rúa Chantada.
O Alcalde, José Tomé, destacou que “a apertura deste novo tramo supón seguir avanzando no compromiso adquirido coas monfortinas e cos monfortinos para continuar mellorando as infraestruturas urbanas da cidade”. O rexedor subliñou ademais que “despois de moitos anos, este Equipo de Goberno consegue eliminar outro tapón urbanístico, igual que xa fixemos noutras zonas da cidade como Rof Codina”.
Con esta actuación, o Concello de Monforte continúa desenvolvendo o seu programa de mellora da mobilidade urbana e modernización da trama viaria de Monforte.