O Concello de Monforte súmase á campaña internacional “Quere o teu mercado” para dinamizar a praza de abastos e o comercio de proximidade

Monforte de Lemos, 29 de maio de 2026. O Concello de Monforte de Lemos participa un ano máis na campaña internacional “Quere o teu mercado”, unha iniciativa que promove a dinamización das praza de abastos e o apoio ao comercio de proximidade.

A celebración terá lugar mañá sábado, 30 de maio, na Praza de Abastos de Monforte en horario de 12.00 e a 13.00 horas. Durante o evento, as persoas asistentes poderán desfrutar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos e farase entrega das Bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado”, entre outros agasallos desta campaña da Dirección Xeral de Comercio.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima á veciñanza a acercarse mañá á Praza de Abastos e comprobar de primeira man a calidade dos produtos alimentarios que ofrecen os praceiros e praceiras. “Desde o Equipo de Goberno levamos anos impulsado as compras no comercio local de proximidade, que é o que se realiza, neste caso, na Praza de Abastos da nosa cidade”, indica o rexedor.

Con esta iniciativa, o Concello de Monforte reafirma o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da praza de abastos, caracterizada por empregar canles curtas de comercialización, que garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos.

A Praza de Abastos de Monforte, apunta o Alcalde, “é un exemplo de equilibrio entre tradición e modernidade, onde a profesionalidade de praceiros e praceiras contribúe a ofrecer un servizo de calidade á veciñanza”.