Monforte de Lemos, 29 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou esta tarde no Festival Fin de Curso que o Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez organiza todos os anos para compartir coas familias e a veciñanza os coñecementos adquiridos polo alumnado durante o curso lectivo que xa chega ao seu remate.
No transcurso do certame musical, o rexedor estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López.
O evento tivo luar auditorio do Edificio Multiusos de Monforte desde as 19.00 horas, cun amplo programa no que o alumnado, exalumnado e o persoal docente deleitaron ao público asistente cun repertorio moi variado no que interpretaron tanto pezas de autores clásicos como contemporáneos.
O Festival arrancou coa actuación do Coro do grado elemental e continuou con intervencións de forma individual, en distintos grupos de conxunto, coros e orquestra, facendo un percorrido por todas as especialidades que se imparten no centro, desde o pinao á percusión, pasando por violín, guitarra, clarinete, vento metal e saxofóns. Finalmente, e trala interpretación do “Count on Me” de Bruno Mars a cargo do Coro do grado profesional, a Orquestra puxo o colofón cun repertorio de tres pezas dirixidas polo tamén director do Conservatorio, Fernando Sanmartino.
O Alcalde felicita a todo o alumnado que participou nesta gala de fin de curso: “Con esta excelente mostra musical e o ben que o fixeron todos e todas, damos a coñecer a actividade que se realiza no Conservatorio ofrecendo a oportunidade de que familiares e amizades poidan desfrutar dos coñecementos adquiridos polo alumnado”.