
Monforte de Lemos, 30 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentou este sábado oficialmente o cartel e a programación da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo de 2026 no Paseo do Malecón. Unha “proposta diferente e cun amplo programa de actividades que xiran arredor do viño, que é o auténtico protagonista deste evento, xunto coas adegas que o fan posible”, afirmou o rexedor.
Durante a súa intervención, Tomé Roca destacou que o Festival está consolidado como “un evento de referencia non só no sur da provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia e incluso fóra das nosas fronteiras”, converténdose nunha das principais citas de promoción do viño e do territorio da Ribeira Sacra que combina cultura vitivinícola, gastronomía, música, tradición, turismo e actividades para todos os públicos.
O recinto do Festival situarase novamente no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe, un espazo que permitirá aos visitantes desfrutar dos viños nun entorno natural, cómodo e pensado para a convivencia e o lecer.
27 adegas participantes
Nesta edición participarán un total de 27 adegas adheridas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representando as diferentes subzonas do territorio.
O Alcalde quixo agradecer expresamente “a implicación e a aposta firme das adegas por este Festival”, protagonistas dun evento que permite poñer en valor a enorme calidade e diversidade dos viños da Ribeira Sacra.
As adegas participantes nesta edición son: A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.
Un cartel inspirado na paisaxe, a historia e as persoas da Ribeira Sacra
No que respecta ao cartel oficial do Festival, José Tomé explicou que o deseño “nace da propia esencia da Ribeira Sacra, unha paisaxe viva, serpenteante e profundamente ligada á súa xente”. Así, o deseño emprega liñas curvas e onduladas que evocan a xeografía característica do territorio, coas súas ladeiras, socalcos e ríos.
A ilustración incorpora tamén elementos representativos do patrimonio histórico e monumental da comarca, integrando paisaxe, historia e tradición nunha imaxe alegre, dinámica e próxima. “O viño aparece como o fío condutor de toda a peza, pero sempre acompañado das persoas, porque son elas as que cultivan a terra, manteñen as tradicións e dan vida á Ribeira Sacra”, destacou o rexedor. A intención, engadiu, “foi crear unha imaxe alegre, próxima e dinámica, capaz de transmitir tanto a riqueza cultural e patrimonial como o carácter humano e festivo do evento”.
Como novidade, o cartel incorpora un código QR que permitirá acceder directamente á programación completa do evento.
Un recinto máis cómodo, sostible e atractivo
En canto á estética da montaxe e deseño dos stands, o Festival manterá a liña das edicións anteriores, apostando pola madeira en cor natural, tons violeta e granate e elementos decorativos contemporáneos como xardíns verticais e estruturas con teas microperforadas personalizadas.
O recinto contará novamente cunha importante zona de sombreado, incluíndo o acceso ao palco inaugural, co obxectivo de mellorar a comodidade dos visitantes durante o percorrido polo espazo do Malecón.
Ao longo do recinto instalaranse tótems informativos cos horarios e actividades programadas, ademais de dispoñer de wifi aberto para o público asistente.
Tamén se manterá o sistema de pago mediante tokens personalizados do Festival, que estarán dispoñibles nos stands de recepción.
Outra das novidades desta edición será a instalación dun espazo expositivo que acollerá unha mostra retrospectiva cos carteis oficiais de todas as edicións do Festival, interrompidas unicamente polos dous anos de suspensión obrigatoria a causa da pandemia da COVID-19.
Gastronomía de proximidade con 12 participantes
A zona gastronómica volverá ser outro dos grandes atractivos do evento, mantendo o número de stands da pasada edición.
Participarán un total de 12 propostas gastronómicas distribuídas por todo o recinto, nas que os visitantes poderán degustar produtos típicos e de proximidade como queixos, embutidos, xamóns, xeados artesáns, panadería tradicional e elaboracións de restauración.
Os participantes desta edición serán Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Quesos MonteCeo, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadería Tuiriz, Panadería La Luna, Restaurante La Table d’Arnaud e Restaurante El Hórreo.
Música tradicional e propostas festivas
A programación musical é un dos piares do Festival, con actuacións no propio recinto do Paseo do Malecón. O venres 3 de xullo terá lugar a inauguración oficial do Festival, que comezará ás 20.30 horas coa actuación dos Xograres de Lemos, agrupación dedicada á conservación e difusión da música tradicional galega.
Ás 21.00 horas desenvolveranse as intervencións institucionais do Alcalde e do pregoeiro do Festival.
A seguinte actuación chegará ás 23.00 horas, da man de A Roda, un dos grupos máis emblemáticos da música popular galega, con case cinco décadas de traxectoria difundindo a cultura tradicional de Galicia.
O sábado 4 de xullo, tamén ás 23.00 horas, será a quenda de Galifunk, banda galega que fusiona funk, rock, pop e ritmos festivos cunha proposta dinámica e chea de enerxía.


Catas temáticas e unha masterclass internacional de primeiro nivel
As catas e actividades formativas arredor do viño volverán ocupar un lugar destacado dentro da programación.
Nesta edición o Festival apostará por formatos máis dinámicos e interactivos a través de dúas catas temáticas.
O sábado 4 de xullo, de 11.30 a 13.00 horas, celebrarase o obradoiro “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, dirixido pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres, que realizará unha comparativa sensorial entre viños da Ribeira Sacra e viños internacionais elaborados con variedades nobres.
O domingo 5 de xullo, no mesmo horario, o sumiller Suso Soneira impartirá “Unha cata, 5 sentidos”, unha experiencia interactiva para descubrir o viño a través dos sentidos e aprender a apreciar o viño explorando aromas, sabores e sensacións en cada copa.
Como unha das grandes novidades desta edición, o sábado 4 terá lugar tamén a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy.
A sesión estenderase de 13.30 a 15.00 horas e estará dedicada á influencia dos solos de xisto nos viños da Ribeira Sacra e doutras grandes rexións vitivinícolas internacionais caracterizadas pola viticultura en pendentes extremas.
José Tomé destacou que “a presenza de Jonas Tofterup é un auténtico luxo para o Festival e para o sector vitivinícola galego”, subliñando que o título de Master of Wine representa “a máxima excelencia internacional no mundo do viño”.
Para participar nas catas e masterclass será necesaria reserva previa a través do teléfono 621 530 243 ou do correo electrónico festivalmonforte@gmail.com.
Actividades infantís e viñorutas pola Ribeira Sacra
O Festival contará novamente cunha programación específica para o público infantil, cun espazo acondicionado á beira do río Cabe no que se desenvolverán contacontos, obradoiros, títeres e actividades creativas.
Entre as propostas destacan o contacontos de Anxo Moure, o obradoiro “Estampa e Imaxina” de Velaísca Animación, un taller de olaría tradicional da Ribeira Sacra impartido por Figulus e a representación de títeres “Sabela e o paxaro máxico” a cargo de Tarabelos.
A programación completarase coas tradicionais ViñoRutas, unha das actividades máis demandadas do Festival, que permitirán descubrir a viticultura heroica da Ribeira Sacra directamente no territorio.
O sábado 4 desenvolverase a ViñoRuta do Sil “Viñas que nacen do Sil”, que incluirá visitas ás adegas Algueira e Adega Vella, ademais dun percorrido en catamarán polo Canón do Sil.
O domingo 5 terá lugar a ViñoRuta do Miño “Entre o Miño e a vide”, con percorrido en zodiac, visita á fervenza de Augacaída, parada na adega Casa Moreiras e unha cata especial organizada por O Segredo do Monxe.
Pulseiras solidarias e tarifas
Como novidade desta edición, o Festival contará cunha iniciativa solidaria a través da venda de pulseiras benéficas de tea cun deseño exclusivo do evento.
O 50% da recadación obtida coa venda de cada pulseira, que terá un prezo simbólico de 1 euro, destinarase a unha asociación benéfica de Monforte.
No que respecta ás tarifas, o Festival introduce unha pequena modificación no prezo dos tokens, atendendo ás peticións formuladas polos adegueiros na pasada edición.
Os tokens pasarán de 2 a 2,50 euros e estableceranse dous tipos de consumicións:
- 1 token para viños novos tintos e brancos.
- 2 tokens para viños barrica e outras añadas.
O Pack Festival, que inclúe copa, portacopa e un token, manterá o seu prezo de 3 euros.
Promoción turística e impacto económico
O Alcalde explicou que o Concello intensificará este ano a promoción do evento a través das redes sociais, oficinas de turismo galegas, lonas de benvida instaladas nas entradas da cidade e publicidade no autobús urbano.
José Tomé amosouse convencido de que o Festival atraerá a miles de visitantes a Monforte e ao conxunto da Ribeira Sacra, contribuíndo á dinamización da economía da comarca e especialmente dos sectores do viño, a hostalería, o comercio e o turismo.
“O noso obxectivo é seguir consolidando este Festival como un gran escaparate da Ribeira Sacra, dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa cultura e da nosa gastronomía”, concluíu o rexedor. “O que queremos é que tanto os monfortinos como todas as persoas que nos visiten poidan desfrutar dun Festival do Viño único, do que estamos seguros de que non se sentirán defraudados”.