
Monforte de Lemos, 2 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou esta mañá o cartel anunciador das Festas Patronais 2026, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto. No acto estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e pola autora da obra gañadora, Jessica Denise Bazaes Latrille, veciña de O Saviñao.
A proposta artística escollida polo xurado leva por título “Luz de Fada” e foi seleccionada entre un total de 40 traballos presentados ao Concurso de Deseño de Carteis das Festas Patronais, unha cifra que converte esta edición na máis participativa dos últimos anos.
Neste sentido, o rexedor destacou que “a participación duplicou a rexistrada o pasado ano, cando se presentaran 20 propostas, o que demostra o crecente interese dos artistas por formar parte das nosas Festas Patronais e contribuír coa súa creatividade á súa promoción”.
Dos 40 traballos presentados, 30 procedían de Monforte de Lemos, destacando especialmente a participación de persoas mozas. Os dez restantes chegaron desde diferentes localidades galegas, como Cambados, A Coruña, Melide, O Saviñao e A Pobra do Brollón, así como de diversos puntos da xeografía estatal, entre eles Madrid, Paracuellos del Jarama, Cartagena, León e Arre (Navarra).
O xurado encargado da selección estivo integrado por seis persoas vinculadas aos ámbitos social, educativo e cultural de Monforte, ademais da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, que exerceu como presidenta.
José Tomé lembrou que este certame ten como principal obxectivo fomentar a participación cidadá e ofrecer un espazo no que calquera persoa poida expresar, a través da arte, a súa visión das Festas Patronais de Monforte. Para recoñecer o traballo creativo, o Concello estableceu un premio de 1.000 euros para a obra gañadora. Ademais de anunciar as festas, o cartel seleccionado converterase tamén na portada do programa oficial das Festas Patronais 2026.
Durante a presentación, o Alcalde quixo tamén poñer en valor o proceso creativo da obra premiada, sinalando que se trata dunha creación realizada integramente de forma artesanal. “Nun momento no que existe un intenso debate sobre o uso da intelixencia artificial na creación artística, podemos afirmar sen ningunha dúbida que estamos ante unha obra pintada a pincel sobre un lenzo de gran formato, completamente libre de IA”, destacou.
Un cartel con identidade monfortina
O rexedor definiu “Luz de Fada” como unha proposta “moi colorista, alegre e luminosa”, na que predominan os tons azuis presentes tanto nas augas do río Cabe como no ceo que serve de fondo á composición.
A obra incorpora algúns dos elementos máis representativos da cidade e das súas festas, como a Virxe de Montserrat, que preside o cartel, o Conxunto Monumental de San Vicente, a Ponte Medieval sobre o río Cabe, a cúpula do Colexio dos Escolapios e un pergamiño anunciador das festas que evoca o pasado medieval da cidade.
“Estamos ante un cartel con ADN cen por cen monfortino”, destacou José Tomé, quen tamén subliñou a presenza dos fogos artificiais, integrados harmonicamente coa imaxe da patroa da cidade para reflectir tanto o carácter relixioso das celebracións como a súa dimensión festiva.
Segundo explicou, estas características foron determinantes para a valoración positiva do xurado, xa que a obra transmite a alegría e a vitalidade propias das Festas Patronais ao tempo que recolle algúns dos símbolos máis emblemáticos de Monforte.
Exposición dos 40 traballos presentados
O Alcalde anunciou tamén que as 40 obras participantes no concurso serán expostas a principios do mes de agosto na Casa da Cultura de Monforte. Deste xeito, veciñanza e visitantes poderán coñecer de primeira man todas as propostas presentadas ao certame.
Unha vez rematada a exposición, os autores e autoras das obras non premiadas poderán retirar os seus traballos se así o desexan.
Tras a presentación institucional, Jessica Denise Bazaes Latrille explicou o proceso de creación de “Luz de Fada”, así como as inspiracións e mensaxes que quixo transmitir a través da obra gañadora. Explicou que a súa intención foi a de transmitir “a alegría e a maxia” das Patronais de Monforte, pero tamén as bases desta celebración, “o arraigo, o orgullo polas festas e a identidade compartida, porque sen iso non hai traspaso xeracional”, indicou. Tras describir con todo detalle cada elemento do cartel, a autora resumiu a súa proposta destacando que recrea as Festas de Monforte, “pero tamén os piares que as sustentan, as tradicións, o enraizamento, o apego ao lugar, a memoria colectiva e o patrimonio cultural e natural”.