Monforte de Lemos, 3 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, presentou esta mañá en rolda de prensa o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento co obxectivo de actualizar a ordenación do Polígono Industrial do Reboredo e acometer a súa ampliación.
O documento, elaborado pola empresa Oficina de Planeamento S.A. por encargo do Concello, será sometido á aprobación inicial nun Pleno extraordinario convocado para o próximo luns 8 de xuño. A actuación afecta a unha superficie total de 52,91 hectáreas, practicamente 53 hectáreas, integramente situadas no termo municipal de Monforte de Lemos tras a resolución favorable do deslinde co Concello de Sober, publicada no Diario Oficial de Galicia o 18 de xullo de 2024.
Desta superficie total, 36,66 hectáreas corresponden ao actual Polígono Industrial do Reboredo, mentres que as restantes 16,57 hectáreas forman parte da ampliación prevista, situada entre a estrada provincial LU-P-3205 e o regato do Carballal.
Segundo destacou o rexedor monfortino, no proxecto de ampliación “recóllense as normas de planeamento e ordenación que proveñen do 31 de marzo de 1981, con algunha modificación posterior, co que se pretende regularizar o polígono existente e a nova ampliación”.
A nova ordenación, explicou Tomé Roca, contempla a creación de zonas verdes, espazos dotacionais públicos e novos aproveitamentos de uso empresarial destinados á implantación de actividades empresariais, aproveitando os terreos con mellores condicións orográficas, funcionais e ambientais.
Un polígono modernizado e practicamente sen parcelas dispoñibles
José Tomé lembrou que durante a última década o Polígono Industrial do Reboredo experimentou importantes melloras en infraestruturas e servizos, entre as que destacan a renovación do viario, a mellora da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento, así como a mellora dos espazos públicos.
Estas actuacións contribuíron a incrementar a actividade empresarial e propiciaron a venda da práctica totalidade das parcelas dispoñibles, circunstancia que levou ao Equipo de Goberno a impulsar unha ampliación que permita responder á demanda existente e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas.
Para facer posible esta actuación, o Concello solicitou á Deputación Provincial de Lugo a cesión dos terreos situados entre a estación de servizo existente, a nova rúa executada na zona e o regato do Carballal, sendo necesaria ademais a expropiación dunha pequena superficie.
Unha vez obtida a dispoñibilidade dos terreos, iniciáronse os trámites para a citada ampliación, que incluíu a elaboración dos correspondentes informes arqueolóxicos e estudos hidrolóxicos.
Máis de 165.000 metros cadrados entre parcelas industriais e zonas verdes
Un dos aspectos destacados da proposta é a reorganización dos espazos do ámbito de actuación. Debido á existencia dunha ampla zona afectada polas limitacións derivadas da protección hidráulica do regato do Carballal, o proxecto concentra nesa contorna a maior parte das zonas verdes previstas.
Esta solución permite compatibilizar a protección ambiental coa optimización do solo dispoñible, destinando a usos industriais terreos que actualmente aparecen clasificados como zonas verdes nas normas vixentes.
Coa aprobación definitiva da modificación urbanística, o ámbito contará con máis de 165.000 novos metros cadrados destinados a parcelas industriais e zonas verdes, configurando unha oferta de solo empresarial adaptada ás necesidades de futuro.




Tramitación prevista nun prazo aproximado de 12 meses
O documento será sometido á aprobación inicial do Pleno municipal extraordinario do 8 de xuño. Posteriormente abrirase un período de información pública de dous meses, durante o cal se solicitarán os preceptivos informes sectoriais a organismos e entidades competentes, como son Naturgy, subministradora de enerxía; FCC como xestora do abastecemento e saneamento do Polígono; a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para autorización hidráulica; a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia; a Deputación Provincial de Lugo, e Medio Ambiente da Xunta para a Declaración Ambiental Estratéxica.
“Unha vez que recibamos todos estes informes sectoriais”, explicou o Alcalde, “procederase a recoller as suxerencias que planteen os diferentes organismos para sometelo á aprobación provisional, despois da cal, volverase a remitir a Urbanismo da Xunta para que, no caso de informe favorable, poida ser aprobado polo Pleno do Concello con carácter definitivo”.
O Concello estima que, de non producirse incidencias significativas durante a tramitación administrativa, todo o proceso podería quedar resolto nun prazo aproximado de doce meses.
Un proxecto estratéxico para o desenvolvemento económico da comarca
Durante a presentación, José Tomé subliñou que esta actuación permitirá “non só ordenar e ampliar o actual polígono industrial, senón tamén ofrecer novas oportunidades de crecemento ás empresas que neste momento teñen limitacións de espazo para seguir desenvolvendo a súa actividade, tratando de darlle unha solución de futuro que posibilite o crecemento que necesitan”.
O Alcalde destacou ademais a importancia de contar coa colaboración de todas as administracións implicadas para facer realidade unha iniciativa que considera estratéxica para o futuro económico de Monforte e da comarca.
“Con esta ampliación queremos seguir favorecendo a implantación e o crecemento das empresas, para facilitar que o crecemento industrial de cabeceiras de comarca como é o caso de Monforte fagan posible á súa vez seguir crecendo en poboación e axudar a reter poboación tamén noutros Concellos”, concluíu o rexedor.