O Alcalde asistirá mañá ao partido amigable entre España e Iraq en Riazor por invitación “persoal e intransferible” do presidente da Real Federación Española de Fútbol

Monforte de Lemos, 3 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, asistirá mañá, xoves 4 de xuño, ao encontro amigable que disputarán as seleccións absolutas masculinas nacionais de España e Iraq no estadio de Riazor, na Coruña, a partir das 21.00 horas. Este será o derradeiro partido da Selección en España antes da celebración da Copa do Mundo de Estados Unidos, México e Canadá.

O Alcalde asistirá a este partido convidado polo presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, que lle remitiu o paso 15 de maio dita invitación con carácter “persoal e intransferible”. Na carta, o presidente da RFEF sinala que para el, xunto co presidente da xunta xestora da Rela Federación Gallega de Fútbol, Pablo Pietro Perille, “sería un honor” contar coa presenza do rexedor monfortino “neste importante encontro para a nosa Selección”.

Esta invitación, destaca José Tomé, “pon de manifesto a consideración institucional do presidente da RFEF, Rafael Louzán, co que desde hai tempo me une unha excelente relación persoal”. De feito, engade o rexedor, “non é a primeira vez que coincidimos en eventos deportivos”.

Neste senso, o Alcalde agradece o xesto e “destaca a importancia de que Galicia volva ser escenario dun acontecemento deportivo internacional de primeiro nivel, capaz de reunir milleiros de afeccionados”.

O encontro servirá de despedida da Selección Española da súa afección antes de poñer rumbo á Copa do Mundo de Estados Unidos, México e Canadá 2026. O combinado nacional dirixido por Luis de la Fuente enfrontarase a Iraq, tamén clasificada para a cita mundialista, nun partido de preparación que terá lugar no emblemático estadio coruñés.