
Monforte de Lemos, 4 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, e a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, visitaron na mañá deste xoves a autocaravana coa que a Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica, Separ, realiza unha campaña itinerante por España para a detección precoz, a educación e a concienciación sobre as enfermidades respiratorias.
O denominado “No es normal Tour” fixo parada en Monforte de Lemos coa colaboración do Concello de Monforte, que puxo todas as facilidades para que a iniciativa recalase na cidade, cedendo o espazo na Praza da Compañía para a instalación do stand e a unidade móbil equipada na que o persoal sanitario realizou durante toda a xornada espirometrías e ofreceu información sobre saúde á cidadanía.
A campaña
O “No es normal Tour” é unha iniciativa itinerante que percorre diferentes municipios de España co obxectivo de achegar a saúde respiratoria á poboación xeral. A través dunha unidade móbil equipada, a campaña ofrece espirometrías, información sanitaria e testemuños en directo, poñendo o foco en síntomas respiratorios que con frecuencia se normalizan, como a tose persistente, a dificultade para respirar, a expectoración ou o cansazo.
O obxectivo é sensibilizar a cidadanía sobre a importancia de consultar cun profesional sanitario ante a persistencia destes síntomas e favorecer a detección precoz de enfermidades respiratorias frecuentes, como a EPOC ou a asma, así como doutras patoloxías respiratorias menos coñecidas ou infradiagnosticadas, como a fibrose pulmonar ou as bronquiectasias.
A campaña combina ciencia e proximidade: médicos, fisioterapeutas e persoal de enfermaría especializado viaxan coa unidade móbil para atender as persoas, mentres un equipo audiovisual recolle historias e datos que se difundirán nas redes sociais, nos medios de comunicación e en contornos urbanos.