Monforte de Lemos, 10 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación de dous novos proxectos de mellora da pavimentación na parroquia de Piñeira, por un importe que, en conxunto, suma 281.000 €. Trátase, concretamente, da vía que conecta os núcleos de As Bodegas-A Regueira e as existentes entre O Bosque e a estrada do Reboredo.
As dúas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o rexedor este mes de maio e que comprende unha decena de actuacións en rúas do centro urbano e da zona rural que suman un orzamento de 1.059.733,23€. Este programa de obras, indica o rexedor, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.
A Xunta de Goberno Local de luz verde na sesión do 1 de xuño á licitación destes dous novos proxectos, que se suman aos xa licitados nas semanas previas, correspondentes á Avenida de Galicia-Rúa Chantada, Rúa Vigo, rúa Calvo Sotelo, zona de Montepando-Bouza Brey e Ribasaltas, e que xa se atopan en proceso de contratación.
As novas licitacións aprobadas polo Equipo de Goberno están publicadas na Plataforma de Contratación Pública e o prazo para presentar ofertas nos dous procedementos finaliza o 29 de xuño. Os prazos de execución, en ambos casos son de 1 mes.
Vial entre As Bodegas-A Regueira
O proxecto contempla a rexeneración do firme da vía municipal entre os núcleos de As Bodegas e A Regueira, na parroquia de Piñeira. Trátase dunha pista que forma parte da rede viaria municipal que suma un total de 780 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,56 m. A superficie total na que se actúa é de 5.900 m2.
En primeiro lugar, procederase ao rebaixado do firme actual nas zonas nas que é necesario efectuar o baleirado e posterior aporte de cachote e grava para conseguir un firme en boas condicións. Fresarase tamén o firme actual nalgunha zona na que é necesario.
A continuación, colocarase unha base de zahorra nas zonas levantadas e procederase ao barrido do firme no resto da zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente (nas zonas levantadas aplicarase unha capa de subbase tamén de aglomerado en quente), con posterior realce de tapas de arquetas.
Finalmente, pintaranse as marcas viais e sinalización correspondente.
O investimento neste vial ascende a 177.770,29 euros.
Viais entre o núcleo de O Bosque e estrada do Reboredo
Tal e como detallara o Alcalde na presentación do plan de investimentos, “son 2, que saíndo do lugar de ‘O Bosque’, vanse unir á rúa Reboredo, unha delas xunto ao taller mecánico onde rematan os edificios da beirarrúa da dereita, e a outra despois da N-120, pasando por xunto a unha finca que fai eventos de hostelería”.
Concretamente, as vías nas que se actúa forman parte da rede viaria municipal e teñen unha lonxitude total de 1.670 m, cun ancho medio de 4,16 m, sendo a superficie total de 6.960 m2.
Os traballos consisten no rebaixado do firme actual nas zonas necesarias, con posterior recheo con zahorra. Continuarase polo barrido do firme na zona de actuación e colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente, con posterior recalce de tapas de arquetas.
Está prevista tamén a colocación dun redutor de velocidade con aglomerado en quente onde xa existe agora mesmo. Finalmente, pintaranse as marcas viais.
Estas dúas pistas teñen un orzamento de 103.825,63 euros.
Próximas contratacións
O plan de investimentos por máis de 1M€ anunciado polo Alcalde completarase en vindeiras datas coa contratación da mellora da pavimentación da rúa Pintor Luis Seoane e as actuacións en vías de Marcelle e San Julián de Tor.
O obxectivo é que todos os proxectos estean executados a finais deste ano 2026.