Monforte de Lemos, 18 de xuño de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, participou na mañá deste xoves, 18 de xuño, na apertura e posta en servizo da Praza da Estación, trala renovación integral do espazo. Esta actuación desenvolveuse de forma paralela ás obras de mellora da accesibilidade no edificio de viaxeiros e na zona de plataformas das vías do tren executadas por ADIF, unha inversión que no seu conxunto supera os 2M€, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A reforma e reordenación da Praza da Estación é froito das xestións levadas a cabo no seu momento polo Alcalde co ADIF para mellorar este entorno: “Grazas a estas negociacións os usuarios e usuarias da Estación de tren de Monforte, así coma os veciños e veciñas da cidade, xa poden acceder á mesma a través dunha praza totalmente renovada e accesible”, salienta José Tomé Roca.
O rexedor estivo acompañado neste acto pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e o responsable da empresa adxudicataria dos traballos, Misturas Obras e Proxectos S.A., Martín Cachaldora. “Asistimos a apertura dunha Praza da Estación totalmente renovada, un cambio total, a través dun proxecto que modernizou o espazo, moito máis funcional agora”, indicou o Alcalde.
Unha renovación completa
A renovación da Praza supón unha mellora significativa na accesibilidade ao recinto da Estación tanto para o tráfico rodado como peonil. As obras supuxeron o levantado do adoquinado existente e eliminación das fochancas, substituíndoo por asfaltado. Ampliáronse as beirarrúas e construíronse novas medianas axardinadas reordenando o conxunto. As actuacións completáronse coa renovación da rede de saneamento, reforzo e renovación da iluminación, equipamento e sinaléctica.
Asimesmo, o Alcalde adiantou que nas medianas axardinadas plantaranse árbores entre farola e farola para crear zonas de sombra. Esta actuación farase previsiblemente no mes de novembro, por ser mellor época para garantir que a plantación teña éxito.
De forma simultánea á apertura da Praza da Estación quedou habilitado tamén o tramo duns 50 metros de aparcamento na rúa Calvo Sotelo que estivo reservado para o uso dos autobuses durante as obras e, polo tanto, xa se pode aparcar nesta zona.
No caso da Praza da Estación, a reordenación dota o espazo de máis de medio centenar de prazas de estacionamento ben delimitadas, incluíndo as reservadas a persoas con mobilidade reducida, taxis e zona de recarga para vehículos eléctricos, así como espazo para autobuses, carga e descarga e acceso para ambulancias.
O Alcalde, José Tomé, puxo en valor unha actuación destas dimensións: “Estamos ante unha obra moi importante que poñemos en marcha para seguir mellorando a nosa cidade con proxectos transformadores e que benefician ao conxunto da cidadanía”.
ACTUACIÓNS EXECUTADAS NA PRAZA:
• Tratamento xeral da praza delimitando a zona de paso de peóns e organizando a circulación de vehículos e prazas de aparcamento.
• Inclúese un punto de recarga de vehículos eléctricos e unha zona de paradas rápidas (kiss & ride.
• Renovación dos pavimentos incluíndo beirarrúas, asfaltado e construcción de novas medianas axardinadas.
• Reforzo e renovación da iluminación.
• Rede saneamento separativa exterior na zona da praza.
• Equipamento e sinaléctica.