Monforte de Lemos, 20 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación do proxecto de mellora de infraestruturas viarias no Polígono Industrial do Reboredo, concretamente dun tramo da rúa 1 e a 2 completa, nunha superficie total de 7.492 m2. O proceso de contratación abriuse este venres, 19 de xuño, coa publicación do anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público e a apertura de prazo, ata o 17 de xullo, para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas.
O orzamento base de licitación ascende a 150.000 euros e o prazo de execución é de 1 mes.
Esta actuación, apunta o rexedor, “xunto coa ampliación e ordenación do Polígono que temos proxectada, a construción da nova depuradora e a mellora integral da rede de saneamento, supón un paso máis no compromiso deste Equipo de Goberno co crecemento industrial de Monforte”.
Neste senso, lembra que este mesmo mes de xuño, en sesión extraordinaria, o Pleno da corporación aprobou dúas importantes iniciativas que teñen que ver co desenvolvemento do polígono. Concretamente, o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento do Polígono Industrial do Reboredo, que ten por obxectivo de actualizar a ordenación deste espazo empresarial e acometer a súa ampliación nunha superficie total de 52,91 hectáreas. E por outro, o proxecto construtivo de separación e tratamento de augas pluviais, unha actuación que permitirá completar a adaptación da rede de saneamento do parque empresarial ás esixencias normativas actuais. Esta actuación enmárcase no convenio subscrito entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do polígono, unhas obras que se atopan actualmente nun avanzado estado de execución.
“Con estas actuacións queremos poñer todo da nosa man para favorecer a implantación e o crecemento das empresas no noso municipio, e con isto facilitar o crecemento de Monforte en oportunidades económicas e, polo tanto, en poboación”, incide José Tomé.
Rexeneración do firme nas rúas 1 e 2 do Polígono
Tal e como recolle a memoria do proxecto, as actuacións previstas consisten na rexeneración do firme nas dúas rúas indicadas, ambas pertencentes á rede viaria municipal do Concello de Monforte, que precisan desta intervención, xa que na actualidade presentan un deficiente estado de conservación, con fochancas, roturas de pavimento e desniveis.
A rexeneración do firme consistirá no fresado do pavimento actual das vías afectadas e a aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 4 cm de espesor, mantendo a cota das dúas rúas.
Nun primeiro lugar, procederase ao fresado do firme ata unha profundidade de 4 cm e limpeza enérxica, por medios mecánicos, da superficie de pavimento existente. Posteriormente, procederase a aplicar a nova capa de rodadura, consistente en aglomerado en quente, de 4 cm de espesor, estendido e compactado.
A actuación completarase co realce de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e demais elementos existentes na calzada e o pintado das marcas viais correspondentes.
Un polígono modernizado e practicamente sen parcelas dispoñibles
José Tomé lembra que na última década o Polígono Industrial do Reboredo leva experimentado importantes melloras en infraestruturas e servizos, entre as que destacan a renovación do viario, a mellora da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento, así como a mellora dos espazos públicos.
Estas actuacións contribuíron a incrementar a actividade empresarial e propiciaron a venda da práctica totalidade das parcelas dispoñibles, circunstancia que levou ao Equipo de Goberno a impulsar unha ampliación que permita responder á demanda existente e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas.
Coas actuacións actualmente en marcha, explica o Alcalde, “traballamos para ter un polígono moderno e adaptado ás necesidades actuais das empresas”. O obxectivo, engade, “é ofrecer novas oportunidades de implantación e crecemento ás empresas para facilitar que o crecemento industrial de cabeceiras de comarca como é o caso de Monforte fagan posible á súa vez seguir crecendo en poboación e axudar a reter poboación tamén noutros Concellos”, concluíu o rexedor.