
Monforte de Lemos, 21 de xuño de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, e representantes do Equipo de Goberno e membros da Corporación Municipal do Concello de Monforte, sumáronse este domingo aos actos solidarios organizados polo Grupo CompostELA para dar visibilidade á Esclerosis Lateral Amiotrófica (ELA) e recadar fondos para realizar o Camiño de Santiago. Precisamente, esta agrupación naceu no 2019 por iniciativa dun grupo de peregrinos directamente relacionados con esta enfermidade que todos os anos realiza a Ruta Xacobea no mes de setembro.
Dando continuidade a esta actividade, este domingo celebrouse a II Marcha Solidaria contra a ELA ‘Memorial Germán Macía’, cunha andaina solidaria que partiu ás 11.00 horas da Explanada da Compañía e percorreu o Paseo de Lugo, rúa Duquesa de Alba, San Lázaro, Reboredo, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure para finalizar no mesmo punto de partida.
O Concello de Monforte colaborou coa organización deste evento solidario aportando a dotación dunha ambulancia, o mobiliario necesario e a participación da Policía Local e de Protección Civil no operativo de tráfico e a organización do dispositivo que facilitou o desenvolvemento da actividade.
O Alcalde, José Tomé, amosa o seu apoio e o do Equipo de Goberno a calquera iniciativa que repercuta nunha visibilización da ELA e na mellora da calidade de vida dos pacientes que padecen esta enfermidade. Consciente da “dureza desta enfermidade”, o rexedor quixo mandar unha mensaxe de esperanza para todas as persoas que sofren esta enfermidade, centrado nos avances científicos que se están producindo nos últimos tempos.