Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2026. O Concello de Monforte de Lemos ofrece este xoves, 2 de xullo, unha conferencia divulgativa sobre a eclipse solar que acontecerá o 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que poderá observarse desde Galicia e que converterá Monforte nun dos mellores lugares para gozar deste acontecemento. O evento terá lugar na Casa da Cultura, ás 20.15 horas, e ten carácter gratuíto, con entrada libre ata completar aforo. A poñente será a doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta.
A actividade está organizada conxuntamente polo Concello de Monforte de Lemos e a Deputación Provincial de Lugo e ten como principal obxectivo achegar á cidadanía os coñecementos, a información e as ferramentas necesarias para contemplar a eclipse con total seguridade.
Durante a sesión abordaranse os aspectos básicos sobre as eclipses solares, as fases e horarios do fenómeno do 12 de agosto, os mellores lugares para a súa observación e os materiais homologados que deben empregarse para protexer a vista. Así mesmo, analizarase a importancia cultural e histórica deste tipo de acontecementos astronómicos.
Os asistentes ao evento recibirán tamén unhas gafas especiais para poder observar a eclipse de forma segura.
Lucía González Cuesta, doutora en Astrofísica
A sesión estará dirixida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, quen realizou a súa tese no Instituto Astrofísica de Canarias (IAC). Licenciada en Física pola Universidade de Oviedo e cun Máster en Astrofísica pola Universidade da Laguna, conta cunha ampla traxectoria no ámbito da divulgación científica, especialmente a través do seu proxecto Allande Stars, centrado na difusión da astronomía en contornos rurais.
Na actualidade combina a súa actividade investigadora e divulgativa con colaboracións en medios de comunicación e distintas iniciativas de promoción da ciencia, sendo ademais recoñecida con diversos premios pola súa labor neste eido, como o Premio Mellor Star Up 2023, concedido polo Banco Sabadell e Prensa Ibérica; ou o galardón Muller Rural 2024, da Rede de Desenvolvemento Rural de Asturias (READER), entre outras distincións.
O Alcalde de Monforte, José Tomé, anima á veciñanza a participar nesta actividade para descubrir todas as claves dun fenómeno astronómico histórico que situará Galicia, e especialmente Monforte, como un dos puntos privilexiados para a súa observación.