O Alcalde destaca a “posición privilexiada” de Monforte para observar a eclipse solar do 12 de agosto e animou a desfrutalo de forma segura

Monforte de Lemos, 2 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou esta tarde na xornada divulgativa sobre a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto que tivo lugar na Casa da Cultura, ás 20.15 horas, para achegar á cidadanía información rigorosa sobre este fenómeno astronómico e a súa observación segura. A iniciativa, organizada conxuntamente pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Monforte, contou tamén coa participación da deputada provincial María Pilar García Porto.

A conferencia foi impartida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, e a física e divulgadora científica María Fernández Alonso, que achegaron ao público os aspectos básicos sobre as eclipses solares, as fases e horarios do fenómeno natural, os mellores lugares para a súa observación e os materiais homologados que deben empregarse para protexer a vista.

Ao comezo da actividade repartíronse gafas homologadas para facilitar unha observación segura e un díptico informativo.

 

Unha ocasión única

Na súa intervención na presentación do acto, o rexedor subliñou o carácter excepcional da eclipse total de Sol do 12 de agosto, lembrando que “desde 1912, hai máis dun século, é a primeira vez que terá lugar un eclipse total de Sol visible en gran parte da península”, polo que asegurou que “para moitas persoas será a única ocasión de asistir a un espectáculo astronómico desta entidade e, desde logo, unha oportunidade histórica para todos”.

O Alcalde destacou tamén a posición privilexiada de Monforte para contemplar este fenómeno. “A nosa cidade está situada nunha das franxas privilexiadas para contemplar esta eclipse solar, converténdose nun dos mellores lugares de Galicia e de toda España para vivir un espectáculo natural que miles de persoas, afeccionadas á astronomía e visitantes chegados de distintos lugares, levan anos esperando”, afirmou.

O rexedor lembrou ademais que a eclipse coincidirá coas Festas Patronais de Monforte, o que contribuirá a facer desta edición “unha celebración aínda máis especial” e insistiu na importancia de observar a eclipse con todas as garantías de seguridade. “Desde o Concello queremos que esta eclipse poida ser desfrutada por toda a cidadanía nas mellores condicións posibles e con todas as garantías de seguridade”.