
Monforte de Lemos, 3 de xullo de 2026. O VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte arranca este venres no Paseo do Malecón e desenvolverase durante toda a fin de semana coa participación de 27 adegas da D.O. Ribeira Sacra e 12 postos gastronómicos, ademais dun amplo programa de actividades que engloba actuacións musicais, catas temáticas, viñorutas, unha masterclass e espazo infantil con xogos e obradoiros para os máis pequenos.
A apertura dos stands en horario de tarde está prevista durante os tres días para as 19.00 horas, pero debido ás altas temperaturas previstas esta fin de semana, os adegueiros poderán aprazar a apertura ata as 20.00 horas, segundo a súa vontade. O Alcalde, José Tomé, explica que varios adegueiros trasladaron esta petición. Os horarios de peche mantéñense á 1.00 horas da madrugada o venres e o sábado, e ás 12.00 horas da noite, o domingo.
En canto á xornada de mañá, o recinto abrirá o sábado e o domingo de 11.00 a 15.00 horas.
Inauguración oficial
A inauguración oficial da oitava edición do Festival de Viño da Ribeira Sacra de Monforte terá lugar este venres, desde as 20.45 horas, no recinto do Paseo do Malecón. O acto arranca ás 20.45 horas coa actuación dos Xograres de Lemos seguida da inauguración oficial, ás 21.00 horas. O pregón correrá a cargo José Manuel Silva ‘Cuqui Silva’, unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas.
O Alcalde, anima a toda a veciñanza e as persoas que nos visitan este fin de semana a desfrutar deste evento que naceu co obxectivo de promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto a través dos seus viños, tradicións e patrimonio histórico, natural e paisaxístico.
Neste sentido, José Tomé amosouse convencido de que o Festival atraerá a miles de visitantes a Monforte e ao conxunto da Ribeira Sacra, contribuíndo á dinamización da economía da comarca e especialmente dos sectores do viño, a hostalería, o comercio e o turismo.
“O noso obxectivo é seguir consolidando este Festival como un gran escaparate da Ribeira Sacra, dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa cultura e da nosa gastronomía. O que queremos é que tanto os monfortinos como todas as persoas que nos visiten poidan desfrutar dun Festival do Viño único”.
27 adegas participantes
Nesta edición participarán un total de 27 adegas adheridas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representando as diferentes subzonas do territorio: A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.
Un recinto máis cómodo, sostible e atractivo
En canto á estética da montaxe e deseño dos stands, o Festival mantén a liña das edicións anteriores, apostando pola madeira en cor natural, tons violeta e granate e elementos decorativos contemporáneos como xardíns verticais e estruturas con teas microperforadas personalizadas.
Gastronomía de proximidade con 12 participantes
A zona gastronómica volverá ser outro dos grandes atractivos do evento, mantendo o número de stands da pasada edición.
Participarán un total de 12 propostas gastronómicas distribuídas por todo o recinto, nas que os visitantes poderán degustar produtos típicos e de proximidade como queixos, embutidos, xamóns, xeados artesáns, panadería tradicional e elaboracións de restauración.
Os participantes desta edición serán Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Quesos MonteCeo, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadería Tuiriz, Panadería La Luna, Restaurante La Table d’Arnaud e Restaurante El Hórreo.
O recinto
O recinto conta novamente cunha importante zona de sombreado, incluíndo o acceso ao palco inaugural, co obxectivo de mellorar a comodidade dos visitantes durante o percorrido polo espazo do Malecón.
Ao longo do recinto hai tótems informativos cos horarios e actividades programadas, ademais de dispoñer de wifi aberto para o público asistente.
Tamén se mantén o sistema de pago mediante tokens personalizados do Festival, que estarán dispoñibles nos stands de recepción.
Outra das novidades desta edición é a instalación dun espazo expositivo cunha mostra retrospectiva cos carteis oficiais de todas as edicións do Festival, interrompidas unicamente polos dous anos de suspensión obrigatoria a causa da pandemia da COVID-19.
Música tradicional e propostas festivas
A programación musical é un dos piares do Festival, con actuacións no propio recinto do Paseo do Malecón. Este venres 3 de xullo, na inauguración oficial do Festival, actúan ás 20.45 horas os Xograres de Lemos, agrupación dedicada á conservación e difusión da música tradicional galega.
A seguinte actuación chegará ás 23.00 horas, da man de A Roda, un dos grupos máis emblemáticos da música popular galega, con case cinco décadas de traxectoria difundindo a cultura tradicional de Galicia.
O sábado 4 de xullo, tamén ás 23.00 horas, será a quenda de Galifunk, banda galega que fusiona funk, rock, pop e ritmos festivos cunha proposta dinámica e chea de enerxía.
Catas temáticas e unha masterclass internacional de primeiro nivel
As catas e actividades formativas arredor do viño volven ocupar un lugar destacado dentro da programación.
Nesta edición o Festival aposta por formatos máis dinámicos e interactivos a través de dúas catas temáticas.
O sábado 4 de xullo, de 11.30 a 13.00 horas, celebrarase o obradoiro “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, dirixido pola sumiller Mariña Fernández Toro, membro da Asociación Galega de Sumilleres, que realizará unha comparativa sensorial entre viños da Ribeira Sacra e viños internacionais elaborados con variedades nobres.
O domingo 5 de xullo, no mesmo horario, o sumiller Suso Soneira impartirá “Unha cata, 5 sentidos”, unha experiencia interactiva para descubrir o viño a través dos sentidos e aprender a apreciar o viño explorando aromas, sabores e sensacións en cada copa.
Como unha das grandes novidades desta edición, o sábado 4 terá lugar tamén a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy.
A sesión estenderase de 13.30 a 15.00 horas e estará dedicada á influencia dos solos de xisto nos viños da Ribeira Sacra e doutras grandes rexións vitivinícolas internacionais caracterizadas pola viticultura en pendentes extremas.
Actividades infantís e viñorutas pola Ribeira Sacra
O Festival conta novamente cunha programación específica para o público infantil, cun espazo acondicionado á beira do río Cabe no que se desenvolverán contacontos, obradoiros, títeres e actividades creativas.
Entre as propostas destacan o contacontos de Anxo Moure, o obradoiro “Estampa e Imaxina” de Velaísca Animación, un taller de olaría tradicional da Ribeira Sacra impartido por Figulus e a representación de títeres “Sabela e o paxaro máxico” a cargo de Tarabelos.
A programación completarase coas tradicionais ViñoRutas, unha das actividades máis demandadas do Festival, que permitirán descubrir a viticultura heroica da Ribeira Sacra directamente no territorio.
O sábado 4 desenvolverase a ViñoRuta do Sil “Viñas que nacen do Sil”, que incluirá visitas ás adegas Algueira e Adega Vella, ademais dun percorrido en catamarán polo Canón do Sil.
O domingo 5 terá lugar a ViñoRuta do Miño “Entre o Miño e a vide”, con percorrido en zodiac, visita á fervenza de Augacaída, parada na adega Casa Moreiras e unha cata especial organizada por O Segredo do Monxe.
Pulseiras solidarias e tarifas
Como novidade desta edición, o Festival pon en marcha unha iniciativa solidaria a través da venda de pulseiras benéficas de tea cun deseño exclusivo do evento.
O 50% da recadación obtida coa venda de cada pulseira, que terá un prezo simbólico de 1 euro, destinarase a unha asociación benéfica de Monforte.
No que respecta ás tarifas, o Festival introduce unha pequena modificación no prezo dos tokens, atendendo ás peticións formuladas polos adegueiros na pasada edición.
Os tokens pasarán de 2 a 2,50 euros e estableceranse dous tipos de consumicións:
- 1 token para viños novos tintos e brancos.
- 2 tokens para viños barrica e outras añadas.
O Pack Festival, que inclúe copa, portacopa e un token, manterá o seu prezo de 3 euros.