
Monforte de Lemos, 4 de xullo de 2026. O Paseo do Malecón acolle este sábado a segunda xornada da VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, un punto de encontro para os amantes do viño, da gastronomía e da cultura deste territorio.
Trala “excelente acollida da xornada inaugural deste venres”, en palabras do Alcalde, José Tomé, o certame volveu encherse de público este sábado, cun cheo tamén nas actividades organizadas dentro do amplo programa do Festival.
“Unha proba clara do tremendo interese que esperta este Festival entre os amantes da viticultura e do viño e da capacidade que temos no Concello de Monforte de atraer visitantes con iniciativas como esta, que dinamizan a economía e o territorio, e supoñen un verdadeiro impulso para sectores como a viticultura, a hostalaría e o turismo”, indica o rexedor.
Cata temática e masterclass
O recinto do Festival abriu as súas portas ás 11.00 horas e xa desde primeira hora contou con visitantes, con gran afluencia na sala de catas, onde de desenvolveu parte do programa de actividades profesionais.
De 11.30 a 13.30 horas, a sumiller e membro de Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) Mariña Fernández Toro ofreceu unha cata temática titulada “Mesma linguaxe, distinta paisaxe”, na que fixo un percorrido polos viños de variedades nobres da Ribeira Sacra nunha comparativa sensorial con viños internacionais.
A continuación tivo lugar a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy, que falou sobre a influencia dos solos de xisto nos viños da Ribeira Sacra e doutras grandes rexións vitivinícolas internacionais caracterizadas pola viticultura en pendentes extremas.
O Alcalde, José Tomé, destaca que Jonas Tofterup “representan a máxima excelencia no mundo do viño, polo que é un auténtico luxo para o noso Festival e para o sector vitivinícola en xeral contar coa súa presenza en Monforte”.
No programa de catas temáticas, mañá domingo, 5 de xullo, de 11.30 a 13.30 horas, o sumiller Suso Soneira impartirá “Unha cata, 5 sentidos”, unha experiencia interactiva para descubrir o viño a través dos sentidos e aprender a apreciar o viño explorando aromas, sabores e sensacións en cada copa.
Actividades infantís
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte está pensando tamén para as familias, xa que conta cun espazo propio á beira do Cabe para os máis pequenos e unha programación específica para o público infantil con contacontos, obradoiros e títeres.
Este sábado, de 12.30 a 13.30, Anxo Moure ofreceu unha sesión de contacontos e, pola tarde, será a quenda de Velaísca Animación, co obradoiro “Estampa e Imaxina”, de 19.30 a 20.30h.
O domingo, de 12.30 a 13.30 h, Figulus ensinaralle aos máis pequenos a facer olería da Ribeira Sacra e, en horario de tarde, de 19.30 a 20.30h, Tarabelos ofrecerá o espectáculo de títeres “Sabela e o paxaro maxico”.
Concerto de Galifunk
No apartado das actuacións musicais, hoxe é a quenda de Galifunk, banda galega que fusiona funk, rock, pop e ritmos festivos cunha proposta dinámica e chea de enerxía. O concerto será ás 23.00 horas no escenario situado xunto a Centro Cívico.
27 adegas participantes e 12 postos gastronómicos
Na VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte participan un total de 27 adegas adheridas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representando as diferentes subzonas do territorio: A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.
Asimesmo, participan 12 propostas gastronómicas distribuídas por todo o recinto, nas que os visitantes poden degustar produtos típicos e de proximidade como queixos, embutidos, xamóns, xeados artesáns, panadería tradicional e elaboracións de restauración.
Os participantes desta edición son Queixo Negro Buleri, Lácteos Ribeira Sacra, Quesos MonteCeo, Embutidos Valentina, Tres Fuciños Porco Celta, Xamóns D. Francisco, Xamóns Roberto, Xeados Xeou, Panadería Tuiriz, Panadería La Luna, Restaurante La Table d’Arnaud e Restaurante El Hórreo.
Viñorutas pola Ribeira Sacra
A programación complétase con ViñoRutas, unha das actividades máis demandadas, que permiten descubrir a viticultura heroica da Ribeira Sacra directamente no territorio.
Sábado 4: ViñoRuta do Sil “Viñas que nacen do Sil”, con visitas ás adegas Algueira e Adega Vella, ademais dun percorrido en catamarán polo Canón do Sil.
Domingo 5: ViñoRuta do Miño “Entre o Miño e a vide”, con percorrido en zodiac, visita á fervenza de Augacaída, parada na adega Casa Moreiras e unha cata especial organizada por O Segredo do Monxe.
Pulseiras solidarias e tarifas
Ademais, e como novidade desta edición, o Festival puxo en marcha unha iniciativa solidaria a través da venda de pulseiras benéficas de tea cun deseño exclusivo do evento.
O 50% da recadación obtida coa venda de cada pulseira, que terá un prezo simbólico de 1 euro, destinarase a unha asociación benéfica de Monforte.
No que respecta ás tarifas, son as seguintes:
- 1 token para viños novos tintos e brancos.
- 2 tokens para viños barrica e outras añadas.
O Pack Festival, que inclúe copa, portacopa e un token, manterá o seu prezo de 3 euros.