O Alcalde califica de “éxito rotundo” o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que pechou a súa VIII edición con milleiros de visitantes

Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2026. O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte pechou onte domingo as portas da súa oitava edición anotando un novo éxito na promoción e posta en valor dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, con milleiros de visitantes que desfrutaron da ampla oferta enolóxica, gastronómica e cultural, demostrando que o Festival do Viño é xa unha cita imprescindible do verán galego.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a excelente acollida do evento, que a pesar das elevadas temperaturas rexistradas, acadou unha masiva afluencia de público nas tres xornadas. “Temos que falar de éxito rotundo dun Festival que aumenta en público ano tras ano e que é un referente no sector vitivinícola e un importante dinamizador da economía local a través de sectores como o turismo e a hostalaría. Sen dúbida, o esforzo que facemos desde o Equipo de Goberno na organización deste evento merece a pena”, indica.

O público volveu responder de forma masiva, mantendo unhas cifras de participación moi destacadas, fiel reflexo da grande afluencia de visitantes e do interese por participar nesta importante cita cos viños do conxunto da Ribeira Sacra.

Un dos datos máis destacados desta edición é o incremento das ventas de botellas directamente nos stands das bodegas, aspecto que os propios adegueiros trasladaron ao Alcalde na clausura do evento. “Este crecemento do Festival do Viño en todos os sentidos demostra que o obxectivo principal co que naceu esta iniciativa está cumprido: promocionar os viños da D.O. Ribeira Sacra e converter as degustacións en ventas directas, xerando un impacto económico real para as bodegas participantes”, apunta Tomé.

 

Cheo absoluto nas actividades do Festival

O programa de actividades complementarias volveu rexistrar unha excelente acollida por parte do público. As catas temáticas, a masterclass e as rutas do viño organizadas durante o Festival do Viño acadaron o 100% de ocupación, confirmando o crecente interese das persoas asistentes por afondar no coñecemento dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e descubrir o patrimonio vitivinícola do territorio.

Neste senso, o Alcalde subliña que “o éxito de participación en todas estas propostas pon de manifesto que o Festival do Viño é moito máis ca un espazo de degustación, converténdose nunha experiencia enoturística completa que combina formación, divulgación, cultura e promoción do territorio”.

 

Un Festival solidario

Outro dos éxitos desta oitava edición do certame foi a solidariedade, coa venda de 1.082 pulseiras solidarias. Esta iniciativa foi unha das novidades do Festival e tivo unha excelente acollida entre o público, poñendo de manifesto o compromiso solidario da veciñanza e das persoas visitantes. A recadación destinarase a unha entidade social de Monforte co fin de apoiar a importante labor que desenvolven estas asociacións.

Neste senso, o Alcalde quere agradecer a boa acollida desta iniciativa, mostra do carácter solidario da cidade.

Así mesmo, o rexedor traslada o agradecemento do Concello ás 27 adegas participantes no Festival, ao Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, aos establecementos hostaleiros, entidades colaboradoras, patrocinadoras, ao voluntariado, as Forzas e Corpos de Seguridade, aos servizos municipais e todas as persoas que fixeron posible esta nova edición do Festival do Viño.

“Os resultados desta edición confirman que o Festival do Viño continúa medrando como escaparate de referencia para a promoción dos viños da Ribeira Sacra. O incremento das vendas de botellas nas adegas, o cheo absoluto nas catas temáticas, na masterclass e nas rutas do viño, xunto coa extraordinaria resposta á iniciativa solidaria, reforzan o papel do festival como motor de promoción económica, turística e cultural de Monforte”, indica o Alcalde.

Con todo, o Festival desenvolveuse con total normalidade, motivo polo que tal e como expresa o Alcalde de Monforte, “temos que felicitarnos todos, tendo en conta a presenza da Policía Local e da empresa de seguridade, que contratamos ó efecto”.

En definitiva, todos estes aspectos fan que o balance da VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte sexa “moi positivo” e que desde o Equipo de Goberno, anuncia a Alcalde, “xa empecemos a traballar na IX edición, para seguir mellorando e crecendo na promoción dos viños da D.O. Ribeira Sacra”.