
Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, fixo entrega na mañá deste mércores, 8 de xullo, dos diplomas de participación na II fase dos cursos de dixitalización organizados polo Concello de Monforte de Lemos nas parroquias, en colaboración coa Deputación de Lugo. Os obradoiros, cunha duración total de 20 horas presenciais, desenvolvéronse neste caso nos locais sociais das parroquias de Chao do Fabeiro, Seoane e Piñeira.
A formación ofertada ten por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do ámbito rural mediante a aprendizaxe de accións como a firma dixital, o funcionamento de Ch@ve 365, o uso da aplicación do Sergas, da sede electrónica, o teléfono móbil, e o uso seguro e responsable de internet, entre outros aspectos relacionados coas TIC.
Estas accións formativas nas parroquias enmárcanse no programa ‘E para dixitalizarse Lugo’ que promove a Deputación de Lugo en colaboración cos Concellos. Monforte adheriuse a esta iniciativa coa proposta de accións formativas dirixidas específicamente a capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á poboación do ámbito rural.
Estes cursos están dirixidos principalmente a persoas maiores ou en situación de desemprego, xente moza e mulleres do rural, aínda que están abertos a todas as idades e colectivos. O obxectivo, e ofrecer orientación e formación para facilitar a aprendizaxe das TIC como ferramenta de mellora da súa vida cotiá.
O Alcalde felicitou aos asistentes pola súa participación nos cursos e animou a toda a veciñanza, e especialmente ás persoas maiores, a “perderlle o medo ás tecnoloxías, aproveitar as vantaxes que ofrecen e facer un bo uso delas”. Así mesmo, recordou que a iniciativa púxose en marcha precisamente sendo el presidente da Deputación Provincial de Lugo, consciente da importancia de chegar a toda a poboación, especialmente no rural, para formar e capacitar á veciñanza nas novas tecnoloxías, esenciais a día de hoxe para aspectos básicos da vida cotiá.
Ademais do diploma de participación nas accións formativas, as persoas asistentes ao acto recibiron como agasallo un reloxo dixital e un bolígrafo.