O Alcalde inaugura o novo aparcadoiro do Polígono Industrial do Reboredo, “unha infraestrutura moderna, segura e moi necesaria nunha área empresarial que segue crecendo”

Monforte de Lemos, 10 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou esta mañá o novo estacionamento do Polígono Industrial do Reboredo, unha infraestrutura que, indicou, “contribuirá, sen dúbida, a mellorar sinaladamente os servizos que oferta a principal área empresarial de Monforte”.

O rexedor, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, así como por empresarios do Polígono, explicou que, “unha vez resoltos os problemas relacionados coa subministración da enerxía eléctrica, podemos proceder á apertura deste novo estacionamento, unhas instalacións modernas, seguras e moi necesarias, dado o importante crecemento que ten experimentado o Polígono nos últimos anos e que seguirá experimentando coa ampliación que impulsamos desde este Equipo de Goberno”.

A construción deste novo aparcamento supuxo un investimento total de 305.250,57 euros, financiado exclusivamente con fondos do Concello de Monforte.

A nova infraestrutura xa está operativa para o seu uso por parte das empresas, transportistas, traballadores e usuarios do polígono, quedando unicamente pendente a licitación do contrato para a xestión dos puntos de recarga dos vehículos eléctricos, que se fará tan pronto como sexa posible.

A apertura deste aparcadoiro, indicou o Alcalde, “supón un paso máis na folla de ruta de melloras que dende este Equipo de Goberno estamos desenvolvendo no Polígono Industrial do Reboredo, poñendo á disposición das empresas unha infraestrutura coa que melloramos os servizos que ofrece esta área empresarial”.

 

Un aparcamento seguro, con iluminación e videovixilancia

O novo aparcamento conta cunha superficie de 6.400 metros cadrados, practicamente o triplo da que existía anteriormente, un vello aparcadoiro que non respondía ás necesidades actuais, e que agora dispón de capacidade para 17 camións e 64 turismos, entre as que se inclúen dúas prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida e catro prazas dotadas con cargadores para vehículos eléctricos.

A infraestrutura complétase cunha ampla dotación de servizos, entre os que destacan a iluminación pública mediante tecnoloxía LED, o sistema de videovixilancia composto por seis cámaras, zonas verdes con arborado, tres fontes de auga potable, dúas zonas para contedores de residuos sólidos urbanos, así como as correspondentes redes de abastecemento, saneamento, drenaxe e telecomunicacións.

Unha vez resoltos os problemas de subministración eléctrica que impedían a posta en marcha da instalación, xa están plenamente operativos tanto a iluminación pública como o sistema de videovixilancia, permitindo que o aparcamento entre en servizo con todas as garantías.

Queda unicamente pendente a licitación do contrato para a explotación dos cargadores eléctricos instalados nas catro prazas habilitadas para este fin. Ata que se complete este procedemento administrativo, estas prazas permanecerán dispoñibles para estacionamento, pero sen servizo de recarga.

José Tomé lembrou que esta actuación responde ao compromiso do seu Equipo de Goberno de seguir mellorando as infraestruturas do Polígono Industrial do Reboredo, que constitúe un dos principais motores económicos de Monforte e da comarca. “Cada investimento que realizamos neste espazo contribúe a facelo máis atractivo para a implantación de novas empresas, a consolidar as que xa desenvolven aquí a súa actividade e, en definitiva, a favorecer a creación de riqueza e de emprego”, afirmou.

 

Importantes melloras desde 2015

O Alcalde incidiu en que “dende que chegamos ao Goberno municipal en 2015 levamos investidos importantes recursos na mellora das infraestruturas do Polígono, actuando sobre o pavimento, o abastecemento, o saneamento, o alumeado público, as comunicacións, a depuración das augas residuais, a creación do Viveiro de Empresas e na promoción de solo industrial, unha estratexia que está a ofrecer uns resultados moi positivos”.

Neste sentido, José Tomé salientou que “o Polígono Industrial do Reboredo vive un dos seus mellores momentos, co solo industrial practicamente esgotado e cun importante interese por parte de novas empresas para implantarse en Monforte, ao tempo que seguimos avanzando na súa ampliación e noutras actuacións estratéxicas que permitirán consolidalo como un dos principais polígonos industriais do interior de Galicia”.

Precisamente, o pasado mes de xuño aprobouse inicialmente no Pleno o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento co obxectivo de actualizar a ordenación do Polígono Industrial do Reboredo e acometer a súa ampliación, actualmente en exposición pública e solicitados os informes sectoriais pertinentes.

O Alcalde concluíu destacando que “seguiremos impulsando todas aquelas actuacións que contribúan a mellorar a competitividade do Polígono do Reboredo, porque apostar polo desenvolvemento desta área empresarial é apostar polo futuro económico de Monforte”.

 

Características do novo aparcadoiro

O novo estacionamento conta cunha superficie total de 6.400 m2, o triple que a superficie actual, cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda.

A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos. Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, conta con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos.

As prazas de aparcamento para turismos teñen unhas dimensións de 5 x 2,50 metros, mentres que as de camións son de 17 x 3,50 metros.

En canto á dotación de servizos, conta con:

  • Zonas verdes e árbores que dan sombra ás prazas de aparcamento.
  • 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos.
  • Instalación de pluviais para recoller toda a auga da choiva da zona e sumidoiros.
  • Iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros.
  • Instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas.
  • Rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia.
  • Rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.