Monforte de Lemos, 11 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, vén de anunciar a entrega gratuíta de gafas homologadas para ver a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto aos menores monfortinos nacidos entre 2011 e 2023. Esta iniciativa, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, “ten por obxectivo protexer aos máis novos na observación deste fenómeno natural e que o fagan con todas as garantías de seguridade”, explica o rexedor.
A medida está dirixida aos menores de 3 a 15 anos empadroados en Monforte de Lemos e porase en marcha desde este luns, 13 de xullo. A entrega das gafas homologadas farase no propio Concello de Monforte, na mesa situada no vestíbulo da entrada principal, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.
Os proxenitores que acudan a recollelas deberán aportar o seu DNI e o Libro de Familia para identificar ao menor e acreditar o parentesco e a idade. No caso de que acudan os propios menores interesados, deberán aportar o seu DNI para poder recoller o material.
As gafas que recibirán os menores cumpren a normativa en ISO 12312-2:2015 e marcado CE, e irán acompañadas dun tríptico informativo con consellos de observación e saúde para gozar da eclipse solar de maneira segura.
Consellos de saúde ante a eclipse
- Non mirar directamente ao Sol sen a protección adecuada, pode causar danos irreversibles na retina.
- Usar lentes homologadas que cumpran a norma EN ISO 12312-2:2015, con marcado CE, e evitar a observación durante máis de 30 segundos. Non deben utilizarse xunto con instrumentos ópticos (prismáticos, telescopios, cámaras).
- Non empregar medios caseiros para a observación.
- Non usar o móbil ou cámaras para fotografar ou gravar a eclipse.
- Usar protección solar
- Protexerse da calor.