O Alcalde asistiu á inauguración dunha nova empresa no Polígono Industrial do Reboredo

Monforte de Lemos, 13 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu o pasado venres, 10 de xullo, á inauguración do taller mecánico DND no Polígono Industrial do Reboredo, unha empresa integrada por tres socios que amplía a actividade profesional na principal área empresarial de Monforte.

O Alcalde expresou a súa satisfacción pola posta en marcha desta nova iniciativa que, indica, “contribúe ao crecemento do Polígono do Reboredo e demostra o atractivo destas instalacións para a implantación de novos negocios”. De feito, engade, “este taller inaugúrase o mesmo día que desde o Concello puxemos en servizo o novo aparcamento do Polígono Industrial do Reboredo, unha infraestrutura moderna e segura con capacidade para 17 camións e 64 turismos”.

Neste senso, o Alcalde reitera o compromiso do seu Equipo de Goberno coa mellora permanente das infraestruturas do Polígono Industrial do Reboredo, que constitúe un dos principais motores económicos de Monforte e da comarca. “Cada investimento que realizamos neste espazo contribúe a facelo máis atractivo para a implantación de novas empresas, a consolidar as que xa desenvolven aquí a súa actividade e, en definitiva, a favorecer a creación de riqueza e de emprego”, afirmou.