Monforte de Lemos, 14 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, vén de anunciar a aprobación da implantación da xornada ordinaria de 35 horas semanais para todo o persoal do Concello de Monforte. Á proposta do rexedor, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á aplicación desta medida, que será presentada este mércores, 15 de xullo, na reunión coa Mesa Xeral de Negociación.
Esta decisión adopta as previsións recollidas na normativa estatal publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), pola que se establece a xornada ordinaria de traballo de 35 horas semanais para o persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, facilitando a súa aplicación no resto de administracións públicas. “Este Equipo de Goberno quere implantar para o persoal municipal as mesmas vantaxes laborais dos funcionarios do Estado”, indica o rexedor.
Neste sentido, o Alcalde incide en que, “desde o Equipo de Goberno decidimos adaptar a organización do Concello a esta medida, que supón unha mellora das condicións laborais do persoal municipal, mantendo en todo momento a prestación dos servizos públicos e a atención á cidadanía”.
A nova xornada entrará en vigor o vindeiro 1 de outubro, unha vez finalice o actual horario de verán, que permanecerá vixente ata o 15 de setembro. Deste xeito, a implantación da xornada de 35 horas realizarase coincidindo practicamente co inicio do horario ordinario de inverno.
O acordo aprobado será presentado este mércores na reunión da Mesa Xeral de Negociación, órgano no que están representados o Goberno municipal e as organizacións sindicais, para dar conta da súa aplicación e abordar os aspectos organizativos necesarios para a súa posta en marcha.
O Alcalde destaca que “esta medida supón un avance nas condicións laborais dos empregados e empregadas municipais, ao tempo que se garante o correcto funcionamento dos servizos públicos que presta o Concello”.
José Tomé subliña tamén que "o noso obxectivo é seguir modernizando a administración municipal, favorecendo a conciliación e o benestar do persoal sen que iso repercuta na calidade da atención que reciben os veciños e veciñas de Monforte".
A implantación da nova xornada realizarase conforme ao marco legal vixente e ás necesidades organizativas dos distintos servizos municipais, garantindo en todo momento a continuidade e eficacia da actividade administrativa e dos servizos públicos municipais.