O Concello organiza unha xornada divulgativa sobre a eclipse solar, este xoves 16 de xullo, co divulgador científico Xavier Fonseca

Monforte de Lemos, 15 de xullo de 2026. O Concello de Monforte organiza, en colaboración con La Voz de Galicia, unha xornada divulgativa sobre a eclipse solar que se producirá o vindeiro 12 de agosto e que na nosa cidade poderá verse de xeito total. Un acontecemento excepcional que coincidirá coa celebración das Festas Patronais.

Co obxectivo de achegar á cidadanía a información relevante sobre este fenómeno natural, así como os mellores lugares para observalo e outras consideracións a ter en conta para poder desfrutar da eclipse en toda a súa plenitude, o Concello promove esta iniciativa que contará coa participación do divulgador científico Xavier Fonseca.

A xornada terá lugar este xoves, 16 de xullo, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Monforte. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos e con entrada gratuíta, ata completar aforo.

O Alcalde José Tomé Roca convida a toda a cidadanía a achegarse a este evento para prepararse para vivir este fenómeno astronómico excepcional contando con toda a información. Neste sentido, lembra que “a nosa cidade está situada nunha das franxas privilexiadas para contemplar esta eclipse solar, converténdose nun dos mellores lugares de Galicia e de toda España para vivir un espectáculo natural que miles de persoas, afeccionadas á astronomía e visitantes chegados de distintos lugares, levan anos esperando”, afirmou.