O empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, Director xeral da Cooperativa Lemos Celega, será o pregoeiro das Festas Patronais

Monforte de Lemos, 16 de xullo de 2026.  O Alcalde, José Tomé Roca, vén de anunciar que o empresario monfortino D. José Manuel Rodríguez Fernández, Director xeral da Cooperativa Lemos Celega, propietario e Xerente de Autos Lemos e da empresa familiar Transportes Agustín, será este ano o Pregoeiro das Festas Patronais de Monforte que se celebran do 11 ao 16 de agosto. O acto terá lugar, como é tradicional, na Casa do Concello, ás 20.30 horas.

A súa elección para a lectura do pregón que dará o pistoletazo de saída ás grandes festas da cidade o próximo 11 de agosto, explica o rexedor, busca “render homenaxe e recoñecer ao colectivo de empresarios e emprendedores monfortinos no seu conxunto”.

O Alcalde e o Equipo de Goberno, engade, “manteñen unha aposta clara polo desenvolvemento do Concello de Monforte en todos os ámbitos, pero para seguir crecendo economicamente e en poboación é necesario crear condicións que fagan atractiva a iniciativa empresarial”.

Desde este punto de vista, engade José Tomé, “tivemos claro que o Pregoeiro das Festas Patronais debía ser un empresario monfortino, como unha mostra máis do apoio que dende o Concello queremos dar ao tecido empresarial, mellorando as dotacións industriais do Concello, e como homenaxe a empresarios e emprendedores”.

Por este motivos, escolleuse para exercer como Pregoeiro das Festas de 2026 a José Manuel Rodríguez Fernández, “que xenerosamente aceptou a proposta que lle fixo o Alcalde nunha chamada telefónica, un home que apostou pola súa cidade e quixo centrar a súa carreira profesional en Monforte”.

En palabras do Alcalde, José Manuel Rodríguez “encarna perfectamente a un empresario feito a si mesmo, que dende a Xerencia da Cooperativa Lemos soubo consolidala e fortalecela diversificando as súas actividades, xerando oportunidades para os gandeiros de produción láctea a través de Celega, ao que lle hai que sumar a industria do automóbil en Autos Lemos ou a empresa familiar de Transportes Agustín, que en total suman 93 postos de traballo e unha facturación anual de 138,5 millóns de euros”.

 

José Manuel Rodríguez Fernández, “un exemplo claro de emprendemento”

Nacido en Monforte hai 57 anos, José Manuel Rodríguez formouse en Enxeñaría Industrial en Gijón. É Director Xeral da Cooperativa Lemos Celega, propietario e xerente de Autos Lemos e deu continuidade á empresa familiar Transportes Agustín.

“José Manuel é unha persoa nativa en Monforte, cos pais de Sober, que reside na nosa cidade e que colabora de xeito importante co tecido asociativo de Monforte”, destaca José Tomé. “Consideramos que é un exemplo claro de emprendemento e que define o sector empresarial da nosa cidade, moi dinámico e creativo nos últimos anos”, conclúe.