O Alcalde celebra o seguimento masivo da Final da Copa Mundial de Fútbol na pantalla xigante instalada na Praza de España

Monforte de Lemos, 20 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, celebra o éxito da Selección Española na Final da Copa Mundial de Fútbol e o seguimento masivo do partido na pantalla xigante que o Concello de Monforte de Lemos instalou este domingo na Praza de España para que a veciñanza puidera compartir este momento. Máis dun milleiro de persoas, a gran maioría xente nova, déronse cita na céntrica Praza, que se converteu no gran punto de encontro da cidade para os afeccionados da Roxa.

O Alcalde, acompañado de membros do Equipo de Goberno, desfrutou do triunfo da Selección Española compartindo este gran éxito cos veciños e veciñas que decidiron ver esta final histórica na Praza de España. O ambiente festivo, a emoción durante todo o encontro e a celebración ao remate do partido converteron o centro da cidade nun auténtico espazo de celebración colectiva.

Para esta ocasión, o Concello de Monforte instalou unha pantalla de 6 metros de largo por 3 de alto (18m2), 270”, no alto das escaleiras, diante do Cruceiro, para que todos os asistentes tiveran visibilidade. Un acto aberto a todas as persoas interesadas que obtivo unha extraordinaria resposta por parte da afección monfortina, que encheu a Praza xa nas horas previas ao inicio do encontro. “A nosa intención era que os afeccionados puideran desfrutar e compartir este gran acontecemento e está claro que o conseguimos. Monforte volcouse coa nosa Selección, o seguimento na Praza de España foi masivo e a xente estaba moi animada”, destaca o Alcalde.

José Tomé subliña que “queriamos que a xente puidera compartir un momento tan especial con máis afeccionados e pensamos que instalar unha pantalla xigante era a mellor maneira de ofrecer un espazo de encontro para toda a veciñanza. A resposta masiva demostrou que foi unha moi boa decisión”. Neste senso, o rexedor explica que “este tipo de competicións son das que se desfrutan con familiares e amigos e a instalación dunha pantalla xigante deunos a posibilidade de que todos os veciños que se achegaron á Praza de España puideran ver xuntos esta final histórica”.

O rexedor engade que “o deporte ten unha enorme capacidade para unir ás persoas, e onte puidemos comprobalo unha vez máis. Vimos familias enteiras, grupos de amigos, nenos, mozos e maiores animando xuntos, compartindo emocións e celebrando un éxito deportivo que pasará á historia e que, sen dúbida, todos recordaremos”.

Tamén quixo felicitar aos xogadores e ao corpo técnico da Selección Española. “Fixeron un campionato extraordinario, demostrando talento, compromiso e espírito de equipo. Son un exemplo para a mocidade e un orgullo para todo o país. Quero trasladarlles os parabéns en nome de todos os monfortinos e monfortinas”.