O Alcalde presenta a Mostra de Artesanía Artelemos, que reunirá a 32 artesáns na rúa Cardeal do 3 ao 8 de agosto

Monforte de Lemos, 22 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe unha nova edición da Mostra de Artesanía Artelemos, que este ano celebra a súa vixésimo sexta edición e que se desenvolverá do 3 ao 8 de agosto na rúa Cardeal, coincidindo coa antesala das Festas Patronais e no marco do Programa Cultural de Verán do Concello. Na presentación, o rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a técnica de Promoción Económica, María Trinidad López.

Durante a presentación, o rexedor destacou que Artelemos é “unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”. Nestas datas nas que Monforte recibe milleiros de visitantes, indicou o Alcalde, a céntrica rúa Cardeal “volverá converterse no gran escaparate da artesanía da nosa comarca, de Galicia e doutras zonas do Estado, ofrecendo ao público unha ampla mostra de creación artesanal e do traballo feito a man”.

 

32 artesáns participantes

Nesta edición participarán 32 artesás e artesáns, que representarán unha ampla variedade de disciplinas tradicionais e contemporáneas como a orfebrería, cestería, coiro, vidro, cerámica, olería de Gundivós, madeira, lá e outras especialidades que amosan a riqueza do patrimonio artesanal.

Concretamente, 13 son do territorio da Ribeira Sacra, 1 da cidade de Lugo, 3 da provincia de Ourense (2 da capital e 1 de Allariz), 5 de A Coruña (3 de Santiago de Compostela e 2 doutras localidades), 6 de Pontevedra (3 de Vigo e 3 doutras localidades), 3 da provincia de León, 1 de Toledo e outro de Murcia.

 

“Embaixadores da nosa cultura”

José Tomé subliñou que “desde o Equipo de Goberno seguimos apostando por iniciativas como Artelemos porque cremos firmemente no enorme valor da nosa artesanía. Os nosos artesáns son embaixadores da nosa cultura, conservan técnicas transmitidas de xeración en xeración e contribúen a manter vivo un legado que forma parte da identidade da Ribeira Sacra”.

Na presentación do evento, o Alcalde destacou tamén o crecente interese polos produtos artesanais: “O feito a man vive un gran momento. Cada vez son máis as persoas que valoran os produtos auténticos, únicos e elaborados con dedicación. Apoiar aos nosos artesáns significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.

 

Demostracións en directo e obradoiros para todas as idades

Un dos principais atractivos de Artelemos volverá ser a presenza dos propios artesáns elaborando as súas pezas en directo. Durante toda a mostra desenvolveranse demostracións e obradoiros participativos que permitirán achegar ao público aos distintos oficios artesanais.

As actividades celebraranse diariamente entre as 12:00 e as 14:00 horas e entre as 19:00 e as 21:00 horas, mentres que a Mostra abrirá ao público de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.

A programación dos obradoiros arranca o luns 3 de agosto, coincidindo coa inauguración oficial ás 12:00 horas. Estas actividades comezarán coa demostración de olería de Gundivós a cargo de Elías González. Ao longo da xornada desenvolverase tamén un obradoiro de cestería impartido por Luisa Martínez.

O martes 4 será a quenda de Otilia Arias e Tomás López, que ofrecerán unha demostración da olería tradicional da Ribeira Sacra Figulus, ademais de obradoiros de olería destinados ao público infantil.

O mércores 5, Lucía Casado impartirá un obradoiro de coiro no que os participantes elaborarán un colgante artesanal.

O xoves 6, Luisa Mosquera dirixirá un obradoiro de fieltro en lá e puntadas de bordado a man, pensado para participantes de todas as idades.

O venres 7, Amparo Escrich desenvolverá un obradoiro de modelado en barro destinado a nenos e nenas.

Finalmente, o sábado 8, a programación rematará con dous obradoiros simultáneos: María Monsalve impartirá un taller de fieltrado con agulla en seco para todos os públicos, mentres que Noel Pérez ofrecerá unha actividade infantil de moldeado e pintura píntega. En ambos os casos, os participantes poderán elaborar e levar consigo as súas propias creacións.

Para participar nos obradoiros será necesario inscribirse no stand do Concello cun mínimo de media hora de antelación ao inicio de cada actividade.

 

Unha Mostra con gran aceptación

O Alcalde destacou que estas actividades complementarias “acadaron sempre un notable éxito e aceptación entre o público asistente, cunha participación que aumenta ano tras ano”.

Neste sentido, José Tomé lembrou tamén que Monforte “é unha praza moi demandada polos artesáns debido á gran afluencia de visitantes que recibe a Mostra e aos bos resultados que obteñen durante estes días”.

Para rematar, o rexedor convidou á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante esas datas a achegarse á rúa Cardeal, coñecer de primeira man o traballo dos artesáns, participar nas actividades programadas e apoiar coas súas compras un sector que forma parte esencial da cultura e das tradicións da Ribeira Sacra.

“Estou convencido de que esta XXVI edición de Artelemos volverá ser un éxito de participación e contribuirá a reforzar a imaxe de Monforte como un referente cultural, artesanal e turístico da Ribeira Sacra”, concluíu.

 

 

 

 

 

 

 

PROGRAMACIÓN XXVI MOSTRA ARTELEMOS 2026

Luns 3:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 - Inauguración da XXVI Mostra Artelemos.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez.
  • 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Martes 4:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
  • 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
  • 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Mércores 5:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Xoves 6:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Venres 7:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 a 12:00- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Sábado 8:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
  • 22:00 - Peche dos stands.