Monforte de Lemos, 23 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, asistiu hoxe á décima edición do Foro Territorios Patrimonio, que se celebrou en Regina Viarum, Sober, baixo o lema “Patrimonio, territorio e futuro: unha conversa necesaria”. O evento reuniu a administracións, profesionais, empresas, investigadores e proxectos de referencia para reflexionar sobre cuestións clave como o futuro dos patrimonios rurais, a comunicación responsable dos territorios, o equilibrio entre conservación e desenvolvemento, ou o papel que desempeñan as iniciativas locais na construción dun modelo sostible. Neste senso, o rexedor destaca a importancia de “crear espazos de debate e reflexión arredor da necesidade de protexer de xeito responsable e manter vivo o noso patrimonio histórico, paisaxístico e cultural”, e pon en valor o “enorme potencial” da Ribeira Sacra no seu conxunto, “un ben que forma parte da nosa identidade e que temos o deber e a responsabilidade de coidar e preservar para as xeracións vindeiras”.
Especialmente nun “momento decisivo” como o actual, lembra, no que a Ribeira Sacra afronta a resolución definitiva da UNESCO, que se coñecerá nos vindeiros días. “Pase o que pase, é responsabilidade de todos continuar traballando na conservación do patrimonio histórico, monumental e natural deste territorio”. Así mesmo, José Tomé pon en valor o “papel esencial de Monforte no conxunto da Ribeira Sacra, que non só destaca pola súa impresionante beleza natural, senón tamén pola súa rica herdanza cultural e histórica.