O Alcalde presenta o Programa completo das Festas Patronais 2026 e do Verán Cultural en Monforte: “Somos un referente en Galicia cunha programación de primeira calidade”

Monforte de Lemos, 24 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer hoxe o programa completo das Festas Patronais 2026, que se van celebrar do 11 ao 16 de agosto na cidade do Cabe. No acto ante os medios de comunicación déronse a coñecer tamén as actividades do Verán Cultural e o vídeo promocional das Festas Patronais, unha peza audiovisual coa que o Concello pretende reforzar a difusión dunha programación que o rexedor cualificou de “referente en toda Galicia”.

O Alcalde explicou que, tras as presentacións realizadas nas últimas semanas do Cartel oficial, da programación musical e do pregoeiro, chegaba o momento de dar a coñecer o conxunto das actividades que converterán Monforte nun dos grandes centros festivos e culturais de Galicia durante o mes de agosto. “O programa que hoxe presentamos mantén a esencia dunhas festas que nos últimos anos experimentaron un importante salto de calidade grazas ao compromiso do Equipo de Goberno por ofrecer unha programación variada, gratuíta e pensada para todos os públicos”, destacou José Tomé.

 

Seis grandes concertos e actuacións de orquestras e bandas locais

O Alcalde lembrou que o apartado musical mantén o formato consolidado nos últimos anos, con seis concertos principais, un por cada día das festas, acompañados por grandes orquestras e formacións locais.

A principais citas musicais son as seguintes:

  • 11 de agosto: De Vacas.
  • 12 de agosto: Ráfaga e Orquestra Olympus.
  • 13 de agosto: Miss Cafeína e Orquestra Acordes.
  • 14 de agosto: Marlon e Orquestra Los Españoles.
  • 15 de agosto: Walls, Doc Magoo's e Malenne.
  • 16 de agosto: Orquestra Panorama e Grupo América de Vigo.

 

As actuacións desenvolveranse, con carácter xeral, entre as 22:30 e as 4:30 horas, tendo como escenario principal a Explanada da Compañía, agás o concerto inaugural de De Vacas, o día 11, que será na Praza de España tras o pregón, o lanzamento do foguete e o acendido da iluminación artística.

O pregón das Festas terá lugar ás 20:30 horas na Casa do Concello, e correrá a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez Fernández, director xeral do Grupo Lemos-Celega e xerente e propietario de Autos Lemos e Transportes Agustín.

 

Música, tradición e folclore

Ademais dos grandes concertos, as festas contarán cun amplo programa de actuacións de música e baile en diferentes espazos da cidade, coa participación das agrupacións Gaitucada Aikirindo, Batukada Tukupá, Grupo de Batucada Baturruca, Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, Orquestra do Conservatorio de Música Mestre Ibáñez de Monforte, Banda de Acordeóns o Folión e os Xograres de Lemos.

Un dos momentos centrais será o 15 de agosto, Día da Patroa, coa misa solemne e a ofrenda floral á Virxe de Montserrat na igrexa de San Vicente do Pino, ás 11.00 horas.

Ese mesmo día celebrarase tamén o tradicional Día do Gaiteiro, no que participarán Redegaita, Lemavos 1, O Cego da Veneira, Gaiteiros de Lemos, Os Triskeles, Os Xograres, Merenzao e Lemavos 2, enchendo as rúas da cidade de música tradicional desde as 11:30 horas.

Pola tarde celebrarase a Mostra de Danza e Música Tradicional na Praza de España e, á medianoite, terá lugar o primeiro dos dous espectáculos de fogos artificiais que ofrecen as Festas Patronais de Monforte. O sábado 15 lanzaranse desde San Vicente, e o domingo 16 desde o río Cabe, mantendo unha das tradicións máis emblemáticas das festas monfortinas.

 

O Festival "A Rúa é Vosa" celebra a súa duodécima edición

A programación reserva tamén un espazo destacado para o público familiar co XII Festival Cómico Festivo "A Rúa é Vosa", que contará coa participación de 7 compañías especializadas en clown, acrobacias, maxia, música, monicreques e globoflexia.

Celebrarase os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, con sesións de mañá e tarde na Praza de España e na rúa Cardeal. O día 15 non haberá programación debido á celebración do Día do Gaiteiro e, o mércores 12 pola tarde, tampouco haberá actividades para facilitar que a cidadanía poida seguir a eclipse solar total, visible desde Monforte.

Un Verán Cultural cheo de actividades

O libro das festas inclúe tamén toda a programación do Verán Cultural, que se desenvolve durante os meses de xullo, agosto e setembro, e que reúne propostas culturais, deportivas, turísticas e de lecer.

Entre elas destaca o Ciclo de Concertos de Grupos e Músicos Monfortinos, unha iniciativa que, segundo explicou o Alcalde, “foi impulsada por este Equipo de Goberno en 2022 para apoiar o talento local e podemos dicir que foi unha aposta acertada porque desde entón creáronse novos grupos de músicos locais en Monforte”.

Este ano contará coa participación de 11 bandas: Segunda Parte, Rockin'KB, Nectarine Soul, Cero2Cero, Galga Blues Band, Bella Chaos, Movilla y Los Irrepetibles, Deuce, Los Jinetes del Trópico, 7 Rojo e El Mundo de Sofía Band.

Tamén forman parte da programación a Gala da Maxia do 9 de agosto, os Paseos en Barca polo río Cabe, a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, a exposición do XXI Concurso de Carteis das Festas Patronais, o Festival Carude Rock, a Festa da Empanada, a XXVII Feira do Libro, o IV Encontro de Palilleiras, a Xornada Europea da Cultura Xudía e a Festa de San Mateo da parroquia da Parte, que pechará o programa o 21 de setembro.

 

Colaboracións especiais

Como é habitual, o Programa de man das Festas e do Verán Cultural conta con catro artigos de colaboración. Nesta ocasión, coas seguintes aportacións:

  • “A Praza da Estación. A ágora dun barrio”, de Fermín Avellaneda Vázquez, Xefe de Área de RRHH Noroeste (xubilado).
  • “Esforzo e talento sitúan o deporte monfortino no máis alto”, a cargo do xornalista de La Voz de Galicia Luis Conde Carnero.
  • “Invertir no Parque dos Condes: Completar a Zona D e construír unha gran fonte singular”, firmado por Mario Iglesias Rodríguez, arquitecto e profesor da USC.
  • “Ampliación do Polígono Industrial do Reboredo”, asinado polo urbanista Ánxel Viña Carregal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un importante impulso para a economía local

Na súa intervención, José Tomé subliñou que tanto as Festas Patronais como o Verán Cultural representan “un importante revulsivo económico para o turismo, a hostalería e o comercio local”, ao tempo que proxectan a imaxe de Monforte como destino cultural e festivo.

Así mesmo, o rexedor puxo especialmente en valor que todas as actividades e concertos organizados polo Equipo de Goberno son totalmente gratuítos. “Somos o único Concello que ofrece un programa destas características con todos os concertos e actividades de balde. É algo que chama a atención non só na nosa contorna, senón en toda Galicia, e converte as Festas de Monforte nun auténtico reclamo para milleiros de visitantes”, destacou.

O Alcalde concluíu mostrando o seu convencemento de que a edición de 2026 volverá ser un éxito de participación e animou tanto á veciñanza como aos visitantes a gozar dunha programación “pensada para todas as idades e con propostas de máxima calidade”, desexando finalmente “unhas felices Festas Patronais e un feliz Verán a todos os monfortinos, monfortinas e ás persoas que nos visiten”.

 

PROGRAMA DAS FESTAS PATRONAIS 2026

Martes 11:

  • 20:30 h. Pregón, a cargo de D. José Manuel Rodríguez Fernández, na Casa do Concello.
  • 21:00 h. Lanzamento do foguete que anuncia o inicio das Festas, desde o Campo de San Antonio.
  • 21:00 h. Inauguración da iluminación artística.
  • 22:30 h. Concerto na Praza de España. DE VACAS.

 

Mércores 12:

  • 12:00 h. Alboradas polo centro da cidade co Grupo de Gaitas Gaiteiros de Lemos, acompañados por Xigantes e Cabezudos.
  • 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Circo Activo. Praza de España.
  • 22:30 h. Gaitucada Aikirindo, na Praza de España.
  • 23:00 h. Orquestra Olympus, na praza da Compañía
  • 00:00 h. RÁFAGA, na praza da Compañía
  • 01:30 h. Orquestra Olympus, na praza da Compañía

 

Xoves 13:

  • 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Otto il Basotto. Rúa Cardeal.
  • 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Luciérnagas Teatro. Praza de España.
  • 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Otto il Basotto. Rúa Cardeal.
  • 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Luciérnagas Teatro. Praza de España.
  • 20:30 h. Batukada Tukupá. Barrio de Val de Lemos, Malvarón, Muíños de Antero, Estrela, Os Chaos, Doutor Teijeiro e centro da cidade.
  • 22:30 h. Orquestra do Conservatorio de Música Méstre Ibáñez de Monforte, na praza de España.
  • 23:00 h. Orquestra Acordes, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. MISS CAFEÍNA, na praza da Compañía.
  • 01:30 h. Orquestra Acordes, na praza da Compañía.

 

Venres 14:

  • 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Jisoo Park. Rúa Cardeal.
  • 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Abraham Arzate. Praza de España.
  • 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Jisoo Park. Rúa Cardeal.
  • 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Abraham Arzate. Praza de España.
  • 20:30 h. Pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta, desde os barrios de San Antonio e Abeledos ata o centro da cidade.
  • 21:30 h. Baile concerto da Banda de Acordeóns O Folión, na praza de España.
  • 23:00 h. Orquestra Los Españoles, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. MARLON, na praza da Compañía.
  • 01:30 h. Orquestra Los Españoles, na praza da Compañía.

 

Sábado 15. Día da Patroa:

  • 10:00 h. Lanzamento de bombas de palenque.
  • 11:00 h. Misa e ofrenda floral á Virxe de Montserrat, na Igrexa de San Vicente do Pino.
  •  11:30 h. DÍA DO GAITEIRO. Alboradas con grupos de gaiteiros. Saída desde a praza de España e percorrido por diferentes rúas.
  • 13:30 h. Concentración dos grupos tradicionais no centro urbano e actuacións ata ás 15:00 h. en diferentes espazos (Praza de Abastos, Praza Doutor Goyanes, centro da cidade, rúa Hermida Balado, Praza de España, avenida de Galicia-taxis, Praza dos Chaos e rúa Cardeal).
  • 20:30 h. Mostra de Danza e Música Tradicional, na praza de España.
  • 22.30 h. Doc Magoo’s, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. Fogos Artificiais dende San Vicente
  • 00:30 h.- WALLS, na praza da Compañía.
  • 02:00 h. Malenne, na praza da Compañía.

 

Domingo 16:

  • 12:00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
  • 13.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
  • 19.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Animar-T. Rúa Cardeal.
  • 20.00 h. XII Festival Cómico Festivo ‘A rúa é vosa’. Francis Zafrilla. Praza de España.
  • 20:30 h. Batucada Baturruca. Desde Rioseco e barrio da Estación, rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde, ata o centro da cidade.
  • 20.30 h. Os Xograres de Lemos. Pasarrúas desde os barrios de A Pinguela e Carude ata o centro da cidade.
  • 22:00 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
  • 00:00 h. Fogos Artificiais desde o río Cabe.
  • 00:30 h. PANORAMA, na praza da Compañía.
  • 02:30 h. Grupo América de Vigo, na praza da Compañía.
  • 03:30 h. PANORAMA, na praza da Compañía.

 

EVENTOS DESTACADOS DO PROGRAMA VERÁN CULTURAL

•   Paseos en Barca polo Cabe, durante os meses de xullo, agosto e setembro.

•   Mostra Artelemos 2026, do 3 ao 8 de agosto na rúa Cardeal.

•   Exposición de Carteis do XXI Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, que poderá visitarse do 7 ao 24 de agosto na Casa da Cultura.

•   Festival Carude Rock, os días 7 e 8 de agosto.

•   Festa da Empanada na área recreativa de Ribas Altas, o domingo 23 de agosto.

•   XXVII Feira do Libro de Monforte, do 26 ao 29 de agosto.

•   IV Encontro de Palilleiras de Monforte, na Explanada da Compañía o sábado, 5 de setembro.

•   Xornada Europea da Cultura Xudía, con visitas guiadas á zona de ámbito xudeu de Monforte, o domingo 6 de setembro.

•   Festa do San Mateo da parroquia de A Parte o luns 21 de setembro, que pechará o Programa Cultural de Verán.

 

 

CICLO DE CONCERTOS DE GRUPOS MONFORTINOS

18 de agosto, Praza de España:

22.30 h. Segunda Parte.

00.00 h. Rockin’KB.

 

19 de agosto, Praza da Estación:

22.30 h. Nectarine Soul.

00.00 h. Cero2Cero.

 

20 de agosto, A Compañía:

22.30 h. Galga Blues Band.

00.00 h. Bella Chaos.

 

25 de agosto, Praza da Estación:

23.00 h. Movilla y Los Irrepetibles.

 

26 de agosto, A Compañía:

22.30 h. Deuce.

00.00 h. Los Jinetes del Trópico.

 

27 de agosto, Praza de España:

22.30 h. 7 Rojo.

00.00 h. El mundo de Sofía Band.