Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar que a inauguración e posta en marcha da nova fonte do Parque dos Condes e da urbanización da Zona D, denominada Rúa Parque dos Condes, será o vindeiro venres 31 de xullo. Trátase da apertura de dúas actuacións estratéxicas que transforman un dos espazos máis emblemáticos do centro da cidade e que quedarán abertas ao público nesa mesma xornada, ao remate do acto de encendido da Fonte.
A inauguración celebrarase ás 22:30 horas (dez e media da noite) e contará coa actuación do grupo Gin Toni's, nun acto pensado para que a cidadanía poida descubrir e desfrutar deste renovado espazo urbano, convertido nun novo punto de encontro para veciños, veciñas e visitantes.
O rexedor destaca que “cumprimos o compromiso adquirido cos monfortinos e monfortinas de rematar estas actuacións no mes de xullo para que poidan ser desfrutadas durante esta época do ano, especialmente durante as Festas Patronais. O Parque dos Condes estréase cunha imaxe completamente renovada e cunha fonte de cidade que está chamada a converterse nun dos grandes atractivos de Monforte, unha fonte como merece o noso Concello, unha gran fonte, unha fonte monumental, acorde co entorno”.
José Tomé subliña ademais que “esta intervención supón un antes e un despois para esta zona de Monforte, xa que combina a recuperación dun espazo verde emblemático coa creación dun novo ámbito urbano perfectamente integrado no entorno do Cardeal, da Compañía e do Paseo do Cabe”.
Un parque renovado cunha fonte monumental
A actuación no Parque dos Condes desenvolveuse sobre unha superficie de 2.850 metros cadrados, renovando integralmente unha parte do parque na que non se realizaban actuacións de entidade desde había anos.
O elemento máis destacado é a nova fonte ornamental circular, cun vaso de 25 metros de diámetro, equipada con diferentes programas de funcionamento, espectáculos de auga e iluminación artística nocturna, o que permitirá ofrecer distintas combinacións visuais tanto durante o día como pola noite.
O proxecto completouse coa renovación dos pavimentos, novos paseos en pedra granítica, a instalación de novo mobiliario urbano, mais que duplicando o número de bancos existentes, pasando de 14 bancos que había antes a mais de 30 bancos que hai agora para desfrutar da sombra, e a reorganización dos espazos para favorecer o paseo, a estancia e a contemplación da fonte desde a rúa Cardeal e desde o resto do parque.
A Zona D abre unha nova conexión urbana
Xunto á reforma do Parque dos Condes, inaugúrase tamén a urbanización da Zona D, unha actuación desenvolvida nun ámbito de máis de 3.200 metros cadrados situado entre a rúa Cardeal e o Paseo do Río Cabe, denominada Rúa Parque dos Condes.
O proxecto permitiu crear un novo vial de comunicación entre ambas zonas, dotando o ámbito de todos os servizos urbanos necesarios —saneamento, abastecemento, alumeado, telecomunicacións e gas—, ademais de nova pavimentación, zonas axardinadas e mobiliario urbano.
Esta intervención elimina un espazo degradado e incorpora un novo ámbito urbano plenamente integrado na cidade, mellorando a conexión peonil e xerando novas posibilidades de desenvolvemento nesta contorna.
Un novo espazo para a convivencia e o lecer
Para o Alcalde, ambas actuacións representan “un investimento que mellora a calidade de vida da veciñanza, embelece o centro da cidade e reforza o atractivo turístico de Monforte”.
“O Parque dos Condes convértese nun espazo moderno, accesible e pensado para o desfrute de persoas de todas as idades. Estou convencido de que a nova fonte será un elemento icónico da cidade e un motivo de orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”, conclúe José Tomé.
Tanto o Alcalde como o Equipo de Goberno convidan á cidadanía a asistir ao acto inaugural do venres 31 de xullo, desfrutar da fonte, da nova rúa e da actuación musical de Gin Toni's e coñecer de primeira man este novo espazo, que permanecerá aberto ao público desde a finalización da inauguración.