Monforte de Lemos, xx de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo presidente do Club Aerolemos, José Antonio Guitián, ven de anunciar a presentación oficial da Volta Aérea á Península, un gran evento aeronáutico organizado pola Asociación de Aviación Xeral e Deportiva (AEPAL). O evento desenvolverase a nivel nacional e internacional entre o 1 e o 9 de agosto de 2026, tendo como unha das súas sedes principais o Aeródromo de Monforte (LENF) durante os días 4, 5 e 6 de agosto.
A organización local corre a cargo do Club Aerolemos, encabezado polo seu presidente José Antonio Guitián, en estreita colaboración co Concello de Monforte, consolidando as instalacións municipais como un punto estratéxico da aviación deportiva no noroeste peninsular, logo das melloras que fixo o Concello por iniciativa do Alcalde.
Monforte, Base Operativa da Aviación en Galicia.
A ruta une España e Portugal nun trazado de nove días, coa participación de ao redor de 32 avións e 60 persoas, converténdose o aeródromo de Monforte, na base central de operacións desde onde os 32 avións despegarán para realizar varios voos de navegación cara a diferentes aeródromos da xeografía galega e a costa. “Isto permitirá dar unha enorme visibilidade técnica e operativa ás instalacións locais ante pilotos de toda a península” tal e como explicaron o Alcalde e o presidente do Club Aerolemos, José Antonio Guitián.
Os participantes compaxinarán esta actividade aérea cunha completa axenda de promoción e turismo cultural, que permitirá que os integrantes da comitiva poidan facer un percorrido polos centros culturais da cidade, incluíndo unha visita guiada ao Museo do Ferrocarril de Galicia para coñecer o histórico legado ferroviario monfortino.
José Tomé e José Antonio Guitián, detallaron que a organización local tamén ten previsto para os participantes da Volta Aérea á Península, un paquete de excursións aos principais puntos de interese da comarca, coas que os integrantes podrán desfrutar da paisaxe única da comarca, os seus canóns fluviais, coñecer algunhas da joias do noso románico e o gran valor cultural e vitivinícola da Ribeira Sacra.
Un Aeródromo único en Galicia, que mellorou notablemente tras as obras realizadas polo executivo de José Tomé.
O Alcalde de Monforte subliñou a singularidade do Aeródromo de As Lamas, destacando a importancia de que sexa sede da “Volta Aérea Ibérica”, que se leva a cabo entre España e Portugal, e tamén de distintas edicións dos Encontros da Asociación de Aviación Experimental, onde se dan cita pilotos e construtores de aeronaves lixeiras, chagados de todo o Estado.
José Tomé explicou que das conversacións mantidas cos representantes da Asociación de Aviación Xeral e Deportiva (AEPAL), foi determinante para a elección do Aeródromo de As Lamas como sede da Volta Aérea Ibérica, ademais da súa situación privilexiada, o perfecto estado das instalacións tras as obras de mellora da pista e da vía que da servizo ó campo de voo recentemente realizadas, que superaron “un cuarto de millón de euros (260.508,16€) e foron financiadas con fondos municipais”.
O Alcalde quixo subliñar o impacto económico que supón para a Ribeira Sacra que Monforte sexa sede deste tipo de eventos, xa que os participantes hospedaranse na cidade durante as tres noites, dinamizando o sector hoteleiro e hosteleiro local, ademais das visitas que realizarán durante a súa estancia na capital da Ribeira Sacra, coas actividades de turismo cultural que se programan dende a organización do propio evento, e que supoñen unha proxección turística da riqueza cultural, paisaxística, gastronómica e vitivinícola que nos singulariza.
“Este Aeródromo” destacou José Tomé, “conta actualmente cun intenso e crecente tráfico aéreo. Nel aterran e despegan clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, co que elo supón de impacto positivo para o noso turismo e para dar a coñecer a nosa cidade e comarca”. Ven rexistrando de media, entre 300 e 500 operacións ó ano de avionetas de diferentes tamaños, sobre todo durante as pontes e fins de semana, pero tamén durante a semana, xa que está aberto ó tráfico de forma permanente, sendo un lugar de parada para tránsitos chegados dende outros lugares de Galicia como Mazaricos, Santa Comba, Lugo ou Ribadeo, e tamén de lugares como Asturias, Castela e León e todo o noroeste da Península en xeral, e tamén doutros países como Portugal e Francia, principalmente.
Neste senso, os pilotos que o utilizan, destacan a situación privilexiada de Monforte dentro de Galicia, e tamén a excelente situación do propio Aeródromo dento do Concello, xa que se atopa moi preto do casco urbano, e isto fai que os visitantes poidan acercarse ó centro da cidade en poucos minutos. “Isto converte ó Aeródromo de Monforte en único, xa que o resto de instalacións deste tipo en Galicia, e a maioría das do resto de España, se atopan sempre alonxadas de zonas urbanas, que requiren de desprazamentos importantes” resaltou o mandatario monfortino.
Obras de mellora da pista e da vía que da servizo ó campo de voo.
No pasado mes de agosto, o Alcalde de Monforte, informaba da finalización dunha importante actuación que mellorou notablemente as condicións da pista de aterraxe e despegue do Aeródromo de As Lamas.
No caso da pista do Aeródromo, procedeuse ó seu asfaltado con aglomerado en quente sobre unha lonxitude de 705 m. e unha superficie total de actuación de 9.385 m2, cun investimento de 168.790,16 €. e a mellora da vía que lle da servizo, o Camiño municipal de As Lamas.
No caso da mellora do Camiño municipal de As Lamas os traballos que se fixeron foron de rexeneración do seu firme con triple rego asfáltico nunha lonxitude total de 1,54 km., sobre un ancho medio de 4 metros, polo que a superficie total de actuación foi de 5.793 m2. Neste caso, a actuación contou cun orzamento de 91.718 €.
Itinerario Completo da Volta Aérea (Agosto 2026)
A ruta une España e Portugal nun trazado de nove días, tendo a Monforte como base neurálxica na metade do percorrido:
- Sábado 1 de agosto de 2026: Reunión de participantes en LEDE – Aerodel (Córdoba).
- Domingo 2 de agosto de 2026: Saída cara a Portugal, aterrando en LP51 – Beja.
- Luns 3 de agosto de 2026: Continuación da ruta lusa cara ao norte, LPBR – Braga.
- Martes 4 de agosto de 2026: Chegada a Galicia e aterraxe en LENF – Monforte de Lemos.
- Mércores 5 de agosto de 2026: Base en Monforte de Lemos e voos de navegación.
- Xoves 6 de agosto de 2026: Despedida de Galicia cara a LERP – Herrera de Pisuerga (Palencia).
- Venres 7 de agosto de 2026: Vo cara ao Pirineo, LEOJ – Coscojuela (Huesca).
- Sábado 8 de agosto de 2026: Penúltima etapa en LESS – Sotos (Cuenca).
- Domingo 9 de agosto de 2026: Clausura do evento e regreso a casa das tripulacións.