
Monforte de Lemos, 4 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este martes, xunto cos organizadores do certame, na presentación oficial da IX edición do Carude Rock, unha cita xa consolidada dentro do calendario musical e festivo da cidade, e que forma parte da programación do Verán Cultural que organiza o Concello de Monforte de Lemos. O festival celebrarase os vindeiros 7 e 8 de agosto, a partir das 20.30 horas, na Praza da Compañía, con entrada libre e de balde.
No acto de presentación deuse a coñecer o cartel completo desta nova edición, que reunirá sobre o escenario diferentes bandas de rock locais, galegas e nacionais, mantendo a filosofía coa que naceu este certame: ofrecer música en directo de calidade e contribuír á dinamización cultural e social do municipio.
Nesta novena edición, o Carude Rock trasládase á Praza da Compañía, un dos espazos públicos máis emblemáticos de Monforte de Lemos e escenario habitual dalgúns dos principais eventos culturais que se desenvolven durante o verán, como é o caso dos grandes concertos das Festas Patronais. Este cambio ven dado por unha sentenza que tanto a propia organización como a corporación municipal explicaron semanas atrás, debido a unha denuncia dunha veciña de Carude.
O Carude Rock converteuse, ao longo destes anos, nun referente dentro do calendario musical da comarca, grazas ao compromiso dunha organización formada integramente por persoas voluntarias e ao apoio das administracións públicas, empresas colaboradoras e entidades que fan posible a súa celebración edición tras edición.
Durante a presentación, a organización quixo agradecer especialmente a forte colaboración do Concello de Monforte de Lemos, así como o respaldo dos patrocinadores e das entidades colaboradoras, destacando a importancia da cooperación institucional e do tecido asociativo para facer realidade iniciativas culturais deste tipo.
O Carude Rock volverá ofrecer dúas xornadas de música en directo, convivencia e ambiente festivo nunha contorna privilexiada, preto do seu barrio e reafirmando o seu compromiso coa promoción da cultura, a dinamización do territorio e o apoio á música en vivo.
A organización anima á cidadanía de Monforte e da comarca, así como ás persoas visitantes, a achegarse os días 7 e 8 de agosto, a partir das 20.30 horas, á Praza da Compañía, para gozar dunha nova edición dun festival que continúa medrando e consolidándose como unha das grandes citas musicais do verán na Ribeira Sacra.
PROGRAMA CARUDE ROCK
O Carude Rock contará o venres 7, desde as 20.30 horas, coas actuacións de Gato Ventura, Dinosaurios e Extremo (tributo a Extremoduro). O sábado 8, o certame ofrece churrasco e rock’n roll coa participación de Mr. Kamándula e Sr. Salvaje.
O Alcalde ratifica o apoio do Concello de Monforte ao Carude Rock e convida á veciñanza e aos visitantes que se atopan na cidade a acudir ao festival e desfrutar dun fin de semana de música en directo ao aire libre.