Monforte de Lemos, 13 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, fai una valoración moi positiva da “xornada verdadeiramente histórica” que viviu onte a cidade coa eclipse solar total, un fenómeno astronómico único que congregou a milleiros de persoas na cidade. Monforte atopábase na franxa de totalidade, polo que foi posible observar a eclipse na súa integridade, cunha fase de escuridade de 41 segundos.
O rexedor destaca tanto a importante afluencia de visitantes como o comportamento exemplar da cidadanía e o traballo desenvolvido polos diferentes servizos municipais para garantir que todo se desenvolvese con normalidade.
“Quero felicitar a todos os monfortinos e monfortinas porque onte vivimos unha xornada histórica para a nosa cidade. Monforte foi un dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse solar total e foron moitas as persoas que escolleron a nosa cidade para desfrutar deste fenómeno único”, sinalou o Alcalde.
A cidade converteuse nun dos lugares privilexiados para contemplar este fenómeno e foron moitas as persoas que escolleron Monforte para desfrutalo ou para realizar fotografías. “Entre os visitantes houbo persoas chegadas de diferentes lugares e mesmo de Houston, nos Estados Unidos, ou que planificaron a súa viaxe con meses de antelación para poder vivir este momento”, indicou.
Desde o Concello de Monforte recomendáronse tres puntos principais para a observación da eclipse: o monte de San Vicente, o Polígono Industrial do Reboredo e o Porto Seco. A estes espazos sumáronse outros puntos escollidos polos visitantes, como o Marroxo, onde tamén se rexistrou unha importante concentración de persoas.
Neste senso, o rexedor afirma que a importante afluencia de persoas “confirma o interese que xerou Monforte como lugar de observación” dun fenómeno astronómico desta magnitude e considera que a xornada contribuíu tamén a “proxectar a cidade como destino turístico”.
O dispositivo especial de tráfico funcionou con normalidade
Ante a previsible afluencia de persoas e vehículos, a Policía Local estableceu un dispositivo especial de tráfico, con medidas específicas no acceso ao conxunto monumental de San Vicente para facilitar a mobilidade e garantir a seguridade.
“Foi unha xornada con milleiros de persoas na cidade e cun tráfico intenso, como era previsible, pero todo se desenvolveu con normalidade. O dispositivo especial que preparamos e que coordinou a Policía Local, especialmente nos accesos a San Vicente, funcionou e non se produciu ningunha incidencia”, destaca o Alcalde, que agradece expresamente o traballo realizado polos efectivos da Policía Local e polo conxunto dos servizos municipais e de emerxencias que participaron no dispositivo, así como a colaboración da cidadanía.
Un momento histórico en plenas Festas Patronais
José Tomé destaca tamén que esta xornada histórica tivo lugar en plenas Festas Patronais de Monforte, engadindo un elemento máis ao carácter especial destes días para a cidade. “Agora queda seguir desfrutando das Festas e das actividades e concertos do amplo programa que organizamos desde o Concello”, conclúe.
Autor da imaxe: SUSO MONTERO